O pau de sebo volve ser a estrela da xornada festiva na praia fluvial de San Roque

Ante o éxito do ano pasado, a concellería de Cultura e Lingua, que dirixe Fernando Groba, volve apostar pola recuperación das festas populares e organiza por segundo ano consecutivo a xornada festiva na praia fluvial de San Roque o vindeiro 17 de agosto.

O xogo tradicional do pau de sebo volverá ser a estrela das festas e os e as participantes deberán pelexar por acadar o primeiro premio, un saboroso xamón, mentres o segundo e o terceiro premiado serán agasallados con diferentes produtos de alimentación, recuperando tamén deste xeito os típicos premios que se entregaban nas festas populares.

Logo de trinta anos esquecido, o xogo do pau de sebo volve retar á veciñanza maior de 16 anos que se atreva nas modalidade vertical e horizontal. O obxectivo é chegar ao fin do pau que está untado con sebo polo que o concursante deberá facer boa gala de equilibrio e habilidade.

Ademais, as familias desfrutarán dunha xornada de xogos tradicionais e populares aptos para todos os públicos a partir das 17 horas.

A música de Avoid Notes, das gaitas da casa cultural de Areas, de Argonat Band e de Almudena Lamora acompañará á xornada festiva.

Os negocios de hostalería e alimentación Finca do Parrulo, Casa Rivero, panadería Francos e panadería A Fogaza porán as viandas para os músicos e voluntarios.

A concellería de Cultura anima á veciñanza a participar na cea popular rememorando tempos pasados e a que cada un se achegue a ponte coa súa cea e prolongar máis este momento de confraternización veciñal.