O pasodobre chega a Ponteareas

cartaz-viva-o-pasodobreBaixo o título “Viva o pasodobre”, o Concello de Ponteareas vén de presentar o que será unha fin de semana dedicada á música popular e na que participarán diferentes agrupacións musicais.

O sábado 25 de abril dará comezo a programación ás 20:00 horas cun pasacalle que sairá da Casa Consistorial e rematará no Auditorio Reveriano Soutullo. No propio auditorio terá lugar o posterior concerto de bandas populares, que empezará ás 20:30 horas e no que participarán A Banda de Música Unión de Guláns, a Agrupación Musical de O Rosal e a Banda de Música Xuvenil de Xinzo.

O domingo 26 a actividade arranca ás 18:30 horas cun pasacalle que percorrerá, de novo, o camiño que vai dende o edificio do Concello até o Auditorio Reveriano Soutullo. Tamén no Auditorio, os vecinos e veciñas poderán desfrutar dun concerto ofrecido pola Banda Musical de Salvaterra, a Banda de Música Reveriano Soutullo, e a Unión Musical de Valladares.

A presentación destas actividades contou coa presenza do alcalde ponteareán, Salvador González Solla, e do concelleiro de Cultura, Andrés Sampedro.

Salvador González salientou que “este programa pretende ser unha homenaxe á música popular, que en Ponteareas ten a súa historia e a súa importancia. Esta é terra de músicos” engadiu.

Pola súa banda, Andrés Sampedro quixo “convidar a toda a veciñanza a desfrutar destas bandas populares, que seguro farán a ledicia dos asistentes”.

O municipio do Tea continúa coa súa programación musical de primavera. Despois do éxito acadado polo ciclo de música lírica “Tempo de Zarzuela”, celebrado durante o pasado mes de marzo, desta volta, os protagonistas serán o pasodobre e as bandas de música popular.