O pasado martes preto de 50 persoas asistiron en Ponteareas ao inicio dos cursos de galego Celga 2 e Celga 3, únicos cursos que se imparten en toda a comarca do Condado- A Paradanta.

IMG_6433Ao acto de presentación do curso e dos profesores encargados de impartilos, asistiu un representante do centro IES Val do Tea, Francisco Conde, e o concelleiro de Educación do Concello de Ponteareas, Andrés Sampedro Fernández, quen resaltou a importancia da realización destes cursos formativos e a necesidade da adquisición dos certificado Celga que acrediten o coñecemento da lingua galega. Estes cursos están organizados pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e impártense no IES Val do Tea, a quen o concelleiro agradeceu a súa colaboración para poder impartir neste centro desde hai anos os devanditos cursos.

Así mesmo, o edil de Educación quere destacar  o Concello de Ponteareas como  lugar de referencia para a impartición destes cursos, sendo o único concello da Comarca do Condado –A Paradanta onde se imparten cursos este ano así como salientar o traballo desenvolvido durante todo o ano desde o Servizo de Normalización Lingüística para facer posible que estes cursos se leven adiante, ofrecéndo o seu asesoramento e información sobre estas accións formativas tan demandadas pola poboación, así como todo tipo de información sobre validacións de cursos e de estudos conducentes á obtención dos citados certificados.