O obradoiro de xoguetes e xogos de refugallo chega a Bugarín e Angoares

O obradoiro de xoguetes e xogos de refugallo chega a Bugarín e Angoares

 

A actividade, dirixida a nenos e nenas de 5 a 10 anos, terá lugar o vindeiro 24 de maio nos centros culturais de ambas as dúas parroquias

 

O Concello de Ponteareas continúa levando actividades de lecer ás 24 parroquias da vila, nesta ocasión destinadas aos máis pequenos e pequenas da casa. A Concellaría de Cultura organiza dúas novas sesións do ciclo de obradoiros de xoguetes e xogos de refugallo dirixidos a nenos e nenas de 5 a 10 anos, co que se está a percorrer os distintos centros culturais ponteareás.

 

A vindeira semana, o martes 24 de maio, a actividade chegará a dúas novas parroquias. O Centro Cultural de Bugarín será o primeiro en acoller este obradoiro infantil, que terá lugar de 16.00 a 17.30 horas. Pola súa banda, de 18.00 a 19.30 horas, o taller de xoguetes e xogos con materiais de refugallo trasladarase ao Centro Cultural de Angoares.

 

A actividade, de balde, contará con prazas limitadas a un máximo de 15 participantes. As persoas interesadas poderán facer a reserva de praza chamando ao 642 73 20 12.

 

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, destaca que o obxectivo destes obradoiros é “facilitar un espazo de entretemento para nenos e nenas e fomentar e estimular neles e nelas a creatividade co uso de restos que xa non se aproveita e  que ían rematar no lixo, o que nos permite sensibilizar ás novas xeracións dun xeito divertido sobre a importancia de darlle unha segunda vida aos obxectos e de reducir o que desbotamos”.