O obradoiro de escrita teatral baixa o pano

O obradoiro de escrita teatral baixa o pano

 

12 persoas participaron neste taller organizado pola Concellaría de Cultura e impartido pola dramaturga Laura Porto

 

Mergullarse na escrita dramática e facelo da man dunha persoa de primeira liña. Ese era o obxectivo do obradoiro de escrita teatral posto en marcha pola Concellaría de Cultura e que acaba de rematar despois de tres meses explorando no reparto das voces na escritura escénica. Da man da dramaturga Laura Porto, 12 persoas participaron neste taller con actividades que combinaron as clases presenciais coas virtuais e que seguía a liña dos cursos de teatro e escrita creativa impartidos por Roi Vidal e María Lado en 2019 e 2020.

 

“Estamos moi contentos coa boa acollida que está tendo este tipo de obradoiros por parte da veciñanza. Se os anteriores se centraban no traballo actoral e nos xéneros poético e narrativo, este ano quixemos enfocalo no eido teatral, de novo da man dunha profesional de primeira liña como Laura Porto”, salienta o concelleiro Fernando Groba.

 

Porto, natural de Covelo, acadou a súa titulación superior en Arte Dramática no ano 2019, na especialidade de Dirección de Escena e Dramaturxia. Dende entón, traballou como axudante de dirección de Marián Bañobre na compañía de Olivas Negras durante a montaxe da peza ’12 uvas, 2mulleres e 1 oliva’ e, como dramaturga e directora da compañía Amorod(i)o no seu primeiro espectáculo, ‘Reino da extinción’, que se estreará este outono. Ademais, unha das súas obras, ‘O senso da floración’, será publicada proximamente no volume colectivo ‘Dramaturxia galega actual’, que edita Feira do Leste.