O Obradoiro de emprego de Ponteareas “Compromiso Social II”, que conta para o seu desenvolvemento cun investimento de case 220.000 euros asumidos conxuntamente pola Xunta de Galicia e o propio Concello, permite que 20 veciños e veciñas do municipio obteñan formación durante seis meses e, ao mesmo tempo, perciban o salario mínimo durante este período de formación. Ao mesmo tempo, traballan nun obxectivo solidario e social de primeira orde: rehabilitar dúas vivendas para ser destinadas ao acollemento de familias en situación de emerxencia social.
Os alumnos-traballadores do módulo de albanelería deste obradoiro de Ponteareas iniciaron os traballos para a rehabilitación de dúas vivendas situadas na rúa dos Mestres, traballos que foron supervisados polo alcalde, Xosé Represas, que é, ao mesmo tempo, responsable de Desenvolvemento Económico e Emprego.
“Con esta actuación ─sinala o alcalde Xosé Represas─ poderemos contar por primeira vez con dúas vivendas preparadas para o realoxamento temporal de familias en situación de emerxencia social ou para outras necesidades sociais”.
O obradoiro que iniciou a primeira fase de formación no pasado mes de setembro realizará outras actuacións ata o vindeiro mes de marzo. Despois destas obras acometerá obras de mellora nos locais situados baixo o palco da Feira Vella. Por outra banda, o programa de atención socio sanitaria está posibilitando que 10 alumnos/as adquiran competencias de axuda no fogar a persoas con especiais necesidades de saúde física, psíquica e social.