O obradoiro de emprego creará un viveiro de prantas para ornamentar os xardíns das Neves e Ponteareas

O Alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, anunciou hoxe a creación dun viveiro de prantas no entorno do cámping da Freixa durante a visita ao obradoiro de emprego “Coidar de Nos” no que participan vinte persoas desempregadas dos concellos das Neves e de Ponteares en duas ramas (sociosanitaria e xardinería).

Represas recibíu hoxe no CDL ao Alcalde das Neves, Xosé R. Méndez, e ao Director Xeral de Orientación e Promoción Laboral da Consellería de  Economía, José Alfonso Marnotes González, que apoiou por cuarto ano consecutivo as iniciativas do concello en políticas de emprego concedendo unha axuda 288.807€ para un obradoiro de nove meses de duración que conta cun reforzo económico de 4.500€ para incentivar a contratación e cubrir os gastos salariais derivados dos contra-tos de traballo que se suscriban co alumnado. 

A este orzamento súmaselle a achega dos fondos propios dos dous concellos que permiten xunto coa axuda da Consellería que ademais dos vinte alumnos e alumnas tamén conseguiran un emprego os sete profesionais do equipo directivo e docente das dúas modalidades (unha directora, dous titores/as, de dous expertos en atención en domicilio e institucións tanto na área sanitaria como social e un experto en xardinería).

Despois do éxito do anterior obradoiro de emprego no que se acadou a cifra do 100% de inserción laboral na rama de sociosanitaria, Ponteareas logra por cuarto ano consecutivo un obradoiro de emprego que ofrecerá durante nove meses formación e traballo remunerado con 1440 horas totais.

O director xeral puxo en valor estes programas mixtos de formación e emprego que financia a Xunta co apoio das administracións locais.

Novidades

No caso do módulo de sociosanitaria este ano incorporan unha novidade e as clases prácticas desenvolveránse na residencia de asistidos do Meixoeiro mentres que as horas correspondente á prestación de servizos empregaranas na residencia de Maiores de Ponteareas, no Centro de Día das Neves e na asistencia domiciliaria nos dous concellos, Ponteareas e As Neves.

Viveiro no cámping da Freixa

No caso do módulo de xardinería, os e as participantes terán que afrontar primeiro o nivel I no que nas horas prácticas crearán un viveiro no cámping da Freixa cultivando especies que serán prantadas despois nos xardíns das Neves e de Ponteareas. 

Unha vez acadado o nivel I pasarán á formación e traballo do nivel II de instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes. Neste nivel dous actuarán na praza do auditorio, na ponte de San Ignacio, na casa da xuventude, nas escaleiras de Sta Bárbara e no CEIP Marquesa do Pazo do concello das Neves. En Ponteareas traballarán no parque da Perillana, no do auditorio, no das Pombas, no da Feira Vella, no parque do conservatorio, no parquedo Centro Cultural de Cumiar, no parque da urbanización Lamazáns e na parcela do Centro Cultural de Arnoso.

Na súa intervención o Alcalde de Ponteareas destacou a alta participación de mulleres, correspondendo ao 99%. 

Pola súa parte, o Alcalde das Neves, responsable do nome do obradoiro insistíu na importancia destes obradoiros a distintos niveis: social, laboral e de formación, promovendo que o alumnado atope un lugar na entramado social. Xosé Méndez aproveitou para trasladar ao Director Xeral unha maior flexibilidade nas datas elexidas para os obradoiros tendo en conta que algúns como o de viticultura deben cadrar con épocas nas que haia maior trasego nas adegas e nos campos. Méndez solicitou tamén unha actualización das ensinanzas e profesións impartidas.