O novo goberno municipal pulsa as necesidades das asociacións de persoas con discapacidade

O alcalde ponteareán e a concelleira de Igualdade e Benestar Social recibiron a varios representantes de COGAMI e da Asociación de Discapacitados do Condado e A Paradanta (ADAPTA)

reunion-cogami-3Primeira toma de contacto entre o novo goberno municipal e varios representantes de colectivos de persoas discapacitadas. Xosé Represas, alcalde da vila, e Verónica Carrera, concelleira de Igualdade e Benestar Social, escoitaron as principais demandas de Anxo Queiruga, presidente da confederación galega de persoas con discapacidade (COGAMI), de Ángel Holguera, presidente de COGAMI Pontevedra, e de Montserrat Cuevas, presidenta da Asociación de Discapacitados do Condado e A Paradanta (ADAPTA).

O encontro serviu, entre outras cousas, para tratar a situación do convenio de colaboración asinado entre o Concello de Ponteareas e ADAPTA e COGAMI, que permite que na actualidade ámbalas dúas organizacións desenvolvan programas de actividades e servizos no centro Asprodico.

As asociacións tamén aproveitaron para lembrar algunhas peticións que xa lle foran solicitadas ao anterior equipo de goberno, como a eliminación de barreiras arquitectónicas en distintos puntos do concello, ou a modificación da actual ordenanza municipal que regula os prezos das instalacións da piscina, de xeito que poida existir un prezo reducido para estes colectivos, tendo en conta que as persoas con mobilidade reducida non poden gozar da totalidade das instalacións.

O centro Asprodico ocupou unha boa parte da conversa entre as partes e ámbalas dúas coincidiron en tentar facer desta instalación unha referencia en toda a comarca no relativo ás políticas relacionadas coas persoas con discapacidade. Outra das demandas importantes propostas está relacionada con este centro, pois as asociacións consideran que debería haber máis prazas de aparcamento para persoas con mobilidade reducida na entrada do baixo do mesmo.

En última instancia, o goberno municipal quixo trasladar a intención de contar co asesoramento destas asociacións nos momentos previos á redacción dos proxectos de vindeiras obras no municipio, de xeito que nestas actuacións estean recollidas as necesidades das persoas con problemas de mobilidade.