A Xunta de Goberno Local está formada por sete concelleiros do BNG, do PSOE e da Riada do Tea
O novo goberno local do Concello de Ponteareas presentou esta tarde de martes, 16 de xuño, a organización que terá o novo executivo presidido por Xosé Represas. A Xunta de Goberno Local estará formada por sete membros: Xosé Represas, Cristina Fernández Davila e Hortensia Bautista Fernández por parte do BNG, María Jesús Garrote Represas, Vanesa Fernández Soage e Benito Márquez Castro por parte do PSOE e Manuel Norberto Troncoso Rodríguez por parte da Riada do Tea.
O novo goberno contará con catro Tenencias de Alcaldía, a primeira delas asumida por María Jesús Garrote (PSOE), a segunda por Cristina Fernández (BNG), a terceira por Vanesa Fernández (PSOE) e a cuarta por Manuel Norberto Troncoso (A Riada do Tea).
En relación ás aréas de goberno, estas estarán divididas en dez concellerías. Xosé Represas, ademais de asumir a Alcaldía, estará a cargo das áreas de Medio Ambiente (na que tamén se inclúen servizos de auga, saneamento, xestión de RSU, parques e xardíns), Emprego e Desenvolvemento Económico.
O BNG tamén se fará cargo dos departamentos de Ensino, Participación Cidadá e Réxime Interior (concellería asumida por Cristina Fernández), de Facenda e Persoal (concellería asumida por Francisco Floreal), de Cultura e Lecer, Normalización Lingüística e Turismo (concellería asumida por Hortensia Bautista) e de Benestar Social, Igualdade, Ludoteca e Mocidade (concellería asumida por Verónica Carrera).
Por parte do PSOE, María Jesús Garrote terá as competencias de Urbanismo, Vías e Obras e Iluminación Pública, Vanesa Fernández estará a cargo das áreas de Seguridade Cidadán e Mobilidade e Sanidade e Promoción da Saúde, Benito Márquez se encargará de Deportes, Transparencia e Novas Tecnoloxías e Xestión e Protección Urbanística do Patrimonio Histórico, mentres que Mario Lago asumirá as áreas de Comercio, Hostelería e Consumo.
Manuel Norberto Troncoso, o concelleiro electo pola Riada do Tea, será o responsable de Servizos Sociais (axudas de emerxencia e axuda no fogar) e Medio Rural.
Represas, en nome dos membros que compoñen o novo goberno, quixo destacar “a paridade existente na nova executiva”, con cinco mulleres e cinco homes, ademais de agradecer a “colaboración e a profesionalidade dos traballadores municipais nestes primeiros días de goberno, que supliu a falta de traspaso de poderes do anterior goberno do Partido Popular”. Represas engadiu que “nos vindeiros días comezarán a tomarse as primeiras decisións que afectan a cuestións perentorias do concello”.