O Nadal espállase por toda Ponteareas cunha chea de actividades e eventos

Trala posta en marcha do alumeado o pasado sábado e a colocación dunha árbore de 10 metros de altura na Praza Maior, a programación das festas trae música, deporte e animación nas rúas

Música, deporte, teatro, gastronomía, actividades infantís e o compromiso de espallar a cada ser vivido en cada recuncho do Concello son os principais atributos dunha programación de Nadal.

A idea é “espallar as actividades do Nadal por todas as zonas posibles, dinamizando o casco urbano e chegando a zonas como A Perillana, onde xogan moitos nenos e nenas, e utilizando á figura do Apalpador como foco de diversión para os rapaces por diferentes partes da vila”, explica a Concelleira de Cultura e Lecer, Hortensia Bautista.

Este mesmo fin de semana vai cargado de agasallos en maneira de actividades: o sábado 17 ás 16:30 na sala multiusos do auditorio municipal terá lugar a conferencia e proxección do documental “Discamino”. Deseguido na carpa da Praza Maior haberá un percorrido en vehículos adaptados para todas. No mesmo lugar, o domingo 18 ás 17.30 as máis pequenas gozaran dos contos da compañía Xanela sobre a figura do Apalpador.  A partir das 19.00 dará comezo a carreira solidaria co pobo sirio polas rúas do núcleo urbano.

Xa o luns 19 inaugurarase  a partir das 19.00 na sala múltiple da Biblioteca Municipal a exposición de fotografía “Fogo e Rito” de Demetrio Monteagudo que estará aberta de luns a venres de 10.00 a 20.00 horas ata o 27 de xaneiro.

As máis cativas poderán facer manualidades de Nadal durante a xornada do xoves 22. A partir do mediodía farán botas para as chemineas, máis tarde deseñarán as cartas a Papá Noel, que visitará a carpa da Praza Maior xa pola tarde, entre as 17.00 e as 20.00 horas. Así será tamén a xeira do venres 23, na que ademais o pianista Alejo Amoedo presentará o seu novo cd e recital “Evocación de Soutullo” ás 19.30 na sala multiusos do auditorio municipal, á mesma hora na que a Banda de Música Reveriano Soutullo ofrecerá un concerto na carpa da Praza Maior. Á véspera do día de Nadal terán lugar a visitas de Papá Noel de 10.00 a 13.00 horas no mercado municipal e de 11.00 a 14.00 horas polos comercios da vila, organizado pola Asociación Comerciantes Praza de Abastos e Asociación Comerciantes Ponteareas Comercial respectivamente. Ás 17.00 as Danzas de Reis cos ranchos de Fozara e Santiago de Oliveira bailarán polas rúas do núcleo urbano.

O Apalpador visitará a Escola Infantil Municipal ás 12.30 do martes 27. Pola tarde, ás 17.30 haberá contos a carón da árbore a carón da compañía Xanela na sala multiusos do auditorio municipal. O martes 28, o Apalpador estará pola carpa da Praza Maior a partir das 18.30 e ofrecerá unha chocolatada a todas as visitantes.

No fin de ano, o sábado 31,  terá a saída da carpa da Praza Maior a clásica Carreira de  San Silvestre, organizada por Taninos e o Concello de Ponteareas, a partir das 16.45 para a categoría infantil e a partir das 17.30 para a categoría absoluta.