O Nadal chega a Ponteareas cun amplo abano de actividades para todas as idades

O Nadal chega a Ponteareas cun amplo abano de actividades para todas as idades

A programación arrancará este mesmo xoves 16 co Festival de Nadal do Conservatorio e Escola de Música Municipal de Ponteareas

 

A veciñanza poderá gozar de animación de rúa, ranchos de reis, deporte, música, obradoiros, contacontos e moitas propostas máis

 

Ponteareas dá o pistoletazo de saída á programación dunha das épocas con máis maxia de todo o ano. Este xoves 16 comezan as actividades de Nadal, que arrancarán co tradicional Festival de Nadal do Conservatorio e Escola de Música Municipal de Ponteareas, que se celebrará  (a partir das 19.30 h na sala multiúsos do auditorio municipal) e se prolongarán ata o 5 de xaneiro coa presenza dos Reis Magos na vila.

 

Serán case unha trintena de actividades “aptas para todos os públicos no que tamén haberá espazo para participar en familia e promover ademais as nosas tradicións, como os Ranchos de Reis ou a música tradicional. Trátase dunha programación pensada para ter unha ampla oferta de lecer e sacarlle o máximo partido a estas datas tan sinaladas”, salientan os concelleiros de Eventos, Miguel Bouzó, e de Cultura, Fernando Groba.

 

Dende o Concello convídase á veciñanza a participar nas actividades preparadas, todas elas de balde e con todas as medidas de prevención recomendadas polas autoridades sanitarias.

 

A primeira semana de programación será intensa, co primeiro pase o venres 17 da animación de rúa (ás 17.30 h con saída dende a Casa do Concello), que habitualmente recorrerá as rúas da vila durante o Nadal. O sábado 18 o protagonista será o deporte e a 8ª Gala de Nadal Club Patinaxe Luar ás 17.00 h no complexo deportivo Álvaro Pino. Xa ás 19.30 horas a música volverá subir ao escenario da sala multiúsos do auditorio municipal co concerto de Alberto Vilas Quintet. O domingo 19 daralle o relevo a Banda de Música Reveriano Soutullo, cun concerto sobre o mesmo escenario ás 18.00 horas.

 

Nesta programación de Nadal non faltarán as visitas do Apalpador e de Papá Noel nin os tradicionais Ranchos de Reis, que resoarán en varias ocasións durante os vindeiros días. Ademais haberá cine para mocidade, obradoiros de bolas e de cociña de Nadal organizados por Banastra, presentación de libros, música en vivo e deporte, coa cita anual coa Carreira San Silvestre Solidaria, que despedirá o ano na súa novena edición recorrendo as rúas do centro urbano.

 

Nestas datas tampouco pode faltar o lecer en familia, con sesión de cine infantil e contacontos. E, no marco desta completa axenda de Nadal, tamén se presentará o Calendario Galego de Ponteareas, que cada ano recolle instantáneas únicas da vida.

 

A programación rematará o mércores 5 de xaneiro coa recepción aos Reis Magos de Oriente ás 12.00 horas na Casa do Concello e animación en rúas e prazas cos grupos de Ranchos de Reis pola tarde ata o comezo da Gran Cabalgata.