O Museo Municipal de Ponteareas celebrará o Día Internacional dos Museos cunha visita guiada

O Museo Municipal de Ponteareas, que posúe dende hai unhas semanas o distintivo de calidade turística SICTED, organiza unha visita guiada para conmemorar o Día Internacional do Museos, que se celebra o vindeiro martes, día 18 de maio. Esta visita, que terá unha duración aproximada de 45 minutos, permitiranos coñecer elementos importantes da Historia de Ponteareas, desde a Prehistoria até a Idade Contemporánea. A visita terá lugar o vindeiro martes, día 18 de maio, ás 19:00 h.

 

Para asistir a esta actividade, é necesario facer a reserva correspondente escribindo un correo electrónico a bibliotecamuseo@ponteareas.gal ou ben chamando ao teléfono 986660765. Con todo, as prazas son limitadas (10 persoas como máximo) e asignaranse por rigoroso orden de recepción das inscricións.

 

Animamos a todas as persoas, de Ponteareas ou de fóra dela, a achegarse á súa Historia a través desta iniciativa para coñecer tamén o noso Museo Municipal cunha das persoas máis versadas sobre a materia, co seu actual director, Gonzalo Fernández, ao tempo que conmemoramos o Día Internacional dos Museos”, sinala Fernando Groba, concelleiro de Cultura de Ponteareas.

 

O Museo Municipal de Ponteareas articúlase a nivel temático en varios apartados:

Prehistoria de Ponteareas e comarca, dende época paleolítica á romanización. Principalmente materiais procedentes do xacemento arqueolóxico do Castro de Troña pertencente á cultura galaico-romana. Destacan tamén nesta área o petróglifo de Chan de Gándara (Padróns) e unha pequena colección de bronces do Coto de Altamira (Taboexa, As Neves) coa figura dun togado.

Da época medieval, sobresae a pía bautismal de notábeis proporcións, ben conservada e que pertence ao estilo románico.

A parte de historia contemporánea esta dedicada, fundamentalmente, a importantes persoeiros nacidos en Ponteareas, que se distinguiron en distintos ámbitos da vida política, social e cultural. Así, no eido político, cómpre destacar a Amado Garra Castellanzuelo, Gabino Bugallal e Isidoro Bugallal Araújo. No campo das letras, hai que facer mención a Manuel Domínguez Benavides, Fermín Bouza Brey, Alfredo Pedro Guisado. Para alén do músico e compositor Reveriano Soutullo ou de artistas como Vidales Tomé, Antonio Medal, Rogelio Lorenzo ou Afonso Quinteiro.