O Informe de Avaliación Ambiental obriga a realizar cambios no PXOM de Ponteareas

O informe de Avaliación Ambiental Estratéxica emitido pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental entrou esta semana no concello e obriga a realizar modificacións no PXOM . O goberno municipal xa encargou ao equipo redactor do Plan Urbanístico resolver con axilidade as modificacións e manterá reunións cos grupos da oposición e cos colectivos sociais que fixeron alegacións co obxectivo de acadar o máximo consenso.

A memoria ambiental do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Ponteareas entrou esta semana na Casa do Concello. O documento elaborado pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, obriga a realizar diversos cambios para considerar que o PXOM é viable dende o punto de vista ambiental.

Algunhas destas cuestións teñen que ver coa inclusión de actuacións que “favorezan a continuidade de espazos verdes na vila de Ponteareas” e coa esixencia de “realizar un estudo de viabilidade en relación coa área industrial da Lomba, conforme esixe o Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia, ademais dun estudo oferta-demanda de solo empresarial no concello e na comarca”.

A concelleira de Urbanismo, Chus Garrote, quixo deixar claro que “este goberno municipal é plenamente consciente da importancia que ten aprobar o PXOM no menor período de tempo posible, do mesmo xeito que considera indispensable a resolución urbanística da zona industrial da Lomba”.

Co obxectivo principal de axilizar a tramitación, reconducir os traballos realizados e encarreiralos para poder aprobar o Plan Xeral, o goberno de Ponteareas está mantendo reunións semanais de traballo ás que asisten a arquitecta municipal e o equipo redactor. Nas últimas reunións, segundo explicaron fontes do Concello, contrastáronse os axustes realizados no Plan aprobado inicialmente coa finalidade de garantir os intereses públicos municipais.

Por outra parte, tendo en conta a obriga de levar a cabo as modificacións indicadas no informe de avaliación ambiental e a necesidade de cambios puntuais en determinadas zonas para a mellora do interese xeral, resolverase a ordenación pormenorizada de zonas como o Sportivo, a parcela de Granitos de Galicia, e outras áreas concretas do solo urbano onde se considera que deben realizarse mudanzas específicas para mellorar a proposta urbanística.

O goberno municipal tamén está a contrastar os cambios realizados na normativa para resolver a problemática dos edificios en situación de fóra de ordenación, na aprobación inicial de xullo de 2013, o mantemento das edificacións e os peches de carácter tradicional en solo de núcleo rural, e a articulación das propostas de rede viaria nesas áreas para a conservación da fisionomía tradicional dos asentamentos de poboación.

Unha vez rematados estes traballos de revisión e modificacións puntuais, o goberno municipal manterá reunións cos diferentes grupos da oposición e con aqueles colectivos veciñais que fixeron alegacións ao plan no seu momento. Ademais, este goberno municipal lamenta que o anterior executivo local non fixera públicos os requirimentos de modificacións dos informes que foron chegando ao longo dos últimos meses e que precisan dun tempo para valoralos e levalos a cabo.

A responsabilidade e o compromiso deste goberno municipal co Plan Xeral é máxima e todo o proceso de modificacións será desenvolvido de maneira pública e transparente, tendo en conta aos grupos da oposición e aos diferentes colectivos veciñais.