O grupo coruñés Avelaíña gaña o Concurso de Gaitas do País

O grupo Avelaíña de Teo, A Coruña, gaña o LII Concurso de Gaitas do País organizado polo concello de Ponteareas. O grupo formado polos gaiteiros Xesús Rodríguez Callejón e Raquel Vilas Otero, polo bombeiro Ricardo González Martín e polo tamborileiro Santiago López Suárez faise co primeiro premio do concurso de gaitas máis antigo de Galicia recibindo un premio de 1800€ por parte do concello e unha gaita de Gaitas Gil en madeira de granadillo e un tamboril de nogueira do obradoiro Sanín Percusión Tradicional das mans de Elena Fabeiro de Artesanía de Galicia.

O segundo posto foi para o Grupo Rodamuíños de Cela, Mos, o terceiro para o grupo Soñíria de Vigo e o cuarto premio para o grupo Bran Cuartet. Así o decidíu o xurado composto nesta ocasión por José Manuel Gil Rodríguez, Xiana Teixeiro Rei, Antonio Gutierrez Pereira, Xulia Feixoo Martínez e o polifacético produtor e músico Cristian Silva.

Este Xurado decidíu outorgar unha mención especial ao grupo  “Aula de toque pechado de gaiteiros  das Rías Baixas” pola súa labor na recuperación de técnicas  e composicións. E outra ao grupo “Anaquiños da terra – Xuventude de Galicia” de Lisboa, polo seu labor por manter as tradicións e espírito galego fóra das nosas fronteiras.

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, agradece a todos os grupos a súa participación ofrecendo unha xornada de festa, de folclore galego, de tradición e de posta en valor dunha parte da cultura galega.

O concurso de Gaitas do País contou co apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria a través dos premios entregados por Artesanía de Galicia, unha gaita de granadillo e un tamboril de nogueira.

Xosé Manuel Gil abríu o taller en 1999 e moi pronto se incorporou o seu irmán Alfonso. Artesán de instrumentos musicais tradicionais galegos (gaitas e requintos), titulado pola Universidade Popular de Vigo. Con él aprendeu que somentes o amor polo oficio, a dedicación, a obsesión pola consecución dun son auténtico, farán de cada gaita ese instrumento perfecto.

Sanín Percusión Tradicional é un taller especializado na elaboración e reparación de instrumentos de percusión tradicional galegos fundado no ano 1990 polo artesán Xosé Manuel Salvado Sanín.