O goberno proporá no pleno a adhesión de Ponteareas ao proxecto “A Cidade dos Nenos”

Trátase dun proxecto internacional promovido polo Istituto di Scienze e Tecnologie della Cognizione

citta-dei-bambiniO executivo local presentará no pleno ordinario que se celebrará o vindeiro 16 de febreiro unha proposta para adherir o Concello ao proxecto internacional “A Cidade dos Nenos”, promovido polo Consiglio Nazionale delle Ricerche e o Istituto di Scienze e Tecnologie della Cognizione. Trátase dunha iniciativa que nace en 1991 da man do pedagogo Franceso Tonucci e que está baseado en dous piares: que os nenos participen no goberno da súa cidade e e que estes recuperen a súa autonomía mediante un deseño axeitado dos espazos públicos.

O obxectivo do goberno non é outro que “procurar que o deseño dos espazos públicos no futuro teña aos nenos e ás nenas como referentes das necesidades de mobilidade da cidadanía e que os criterios á hora de desenvolver novos lugares de convivencia deixen de ter en conta de maneira exclusiva ás persoas adultas”, sinala o rexedor ponteareán, Xosé Represas.

A adhesión de Ponteareas a este proxecto sen ánimo de lucro non suporía ningún tipo de gasto para o Concello e comportaría beneficiarse da información que outras cidades adheridas puideran facilitar a Ponteareas en relacións ás conclusións extraídas das súas prácticas dirixidas a gañar paso a paso os espazos urbanos para os nenos e nenas. A proposta que se tratará no Pleno contempla solicitar á Deputación de Pontevedra un traballo conxunto e de asesoramento nesta materia.