O goberno propón investir máis de 700.000€ na mellora de servizos básicos e infraestruturas para a cidadanía

Por iniciativa do goberno municipal o pleno debatirá o proxecto de humanización da rúa Redondela, un tramo para completar o saneamento no barrio do Peso na paroquia de Areas e a reforma e rehabilitación ca casa cultural de Arnoso, entre outros proxectos. Estes proxectos suman un total de 741.332€.

O goberno da un paso máis para a humanización da rúa Redondela que conta cun orzamento de licitación de 520.226,70€ e co apoio unánime da veciñanza que así o manifestou no encontro no que se expuxo o proxecto técnico. Unha vez aprobado o proxecto polo pleno da corporación, procederá á licitación das obras para que esta rúa dispoña de beirarrúas máis amplas e cómodas con árborado e cun único sentido de circulación desde a rotonda da estrada de As Neves até o entronque da rúa Redondela coa rúa das Pombas. Desde aí até a rotonda do Axente Comercial manterase o dobre sentido de circulación. A alternativa escollida pola veciñanza contempla a ampliación substancial das beirarrúas que oscilarán entre un mínimo de 2,50 metros e un máximo de 6,00 metros. Ademais contémplase a plantación de 27 árbores e a instalación de 12 farolas con tecnoloxía led, 6 bancos, papeleiras, dispensadores de bolsas para excrementos de cans e paneis informativos para colocación de información municipal. Tamén se reducirá o límite de velocidade aos 30 km/h. En canto aos estacionamentos de vehículos, dun total de 90 prazas existentes na actualidade, tan só se eliminarán 18 (o 20%). Crease unha zona a maiores de carga e descarga.

No pleno do mércores tamén se presentará a aprobación do proxecto de ampliación de potencia e reforma da instalación eléctrica da piscinan por valor de 32.978€ e proxecto de instalación de alumeado nas pistas de tenis na área recreativa da Freixa por valor de 26.086€ contemplando todos os traballos precisos para a instalación de proxectores led de alto rendemento.

Tamén se buscará a aprobación do proxecto de saneamento do barrio do Peso en Areas cun orzamento total de 23.735,67€ e a aprobación da rehabilitación da casa cultural de Arnoso para a mellora da eficiencia enerxética, accesibilidade, funcionalidade e conservación cun investimento total de 112.000€ que supón unha intervención no aillamento, na urbanización da parcela, nas fachadas e cimentacións, entre outros moitos traballos.

Alcalde e tenente de alcalde adiantan que tamén levarán ao pleno a aprobación da construción de distintos redutores de velocidade en diferentes puntos de Ponteareas cun custe total de 26.307€.

Alcalde e tenente de alcalde sinalaron que estas actuacións xunto a outras previstas para este ano persiguen a mellora dos espazos de uso público e a previsión do goberno é que todas estas obras se executen dentro deste ano 2019.