O goberno presenta á veciñanza e empresarios o Plan Xeral coas esixencias da Xunta

O Alcalde de Ponteareas e a Tenente de Alcalde e concelleira de Urbanismo reuniránse coa veciñanza e co tecido empresarial en distintas reunións nas que presentarán o documento do Plan Xeral de Urbanismo (PXOM) logo de dar cumprimento ás modificacións impostas pola Xunta de Galicia.

Tras ter presentado o documento na tarde de onte ante a comisión informativa de urbanismo, Xosé Represas e Chus Garrote queren que tanto os empresarios como a cidadanía coñezan o documento resultante unha vez aplicadas as modificacións requeridas impostas pola Xunta de Galicia para a súa aprobación.

Alcalde e Tenente de Alcalde, acompañados dos técnicos redactores do PXOM e dos técnicos municipais así como de outros concelleiros do goberno, explicarán o resultado de aplicar os cambios imprescindibles para que a Xunta de Galicia o autorice. 

O goberno quere así realizar unha vez máis un exercizo de participación e transparencia no que quede exposto públicamente o planeamento que dirixirá o futuro de Ponteareas, ademais de resolver as dúbidas que sobre este documento poidan ter os e as asistentes.

Represas e Garrote queren reunirse co empresariado o luns día 26 ás 19 horas no salón de plenos, que como creadores de emprego, debe coñecer como se resolve o solo industrial da Lomba e tamén a regularización das actividades industriais dispersas en distintos puntos do concello (Angoares, Areas (Picoto, Ganade e Alemparte), Arcos, Confurco e Prado). Nos vindeiros días o colectivo empresarial recibirá as comunicacións municipais a este respecto.

A pesar de que este documento non satisfai as expectativas do grupo de goberno,  presentarán o documento indispensable para a súa aprobación e que segue a normativa vixente ante a veciñanza nun encontro aberto no auditorio municipal o vindeiro xoves 29 ás 19 horas.

“Para sair da parálise da situación actual que prexudica gravemente o emprego e impide que Ponteareas medre e para dar garantía xurídica a diferentes situacións, a única solución é contar cun plan de ordenación sen máis demoras. O período de alegacións xa concluíu. A Xunta rexeitou o documento aprobado en pleno donde se recollían a maioría das alegacións. Só nos queda tramitar o documento que a Xunta admite para poder comezar a medrar. Non podemos seguir nesta situación. A Xunta obriga a reconducir o documento nos termos que agora expomos. É a única saída ao bloqueo urbanístico”, matiza Chus Garrote.