O goberno municipal de Ponteareas estivo representado na manifestación en defensa da sanidade

O concello habilitou un autobús, cedido por Empresa Ojea S.L., para os veciños e as veciñas da vila que quixera acudir

O goberno local participou nunha manifestación que denuncia a neglixencia por parte da Xunta de Galicia mediante a privatización do novo hospital, “poñendo en perigo a saúde dos doentes”

goberno-manif-hospital-2

O goberno municipal, antes de saír cara Vigo para acudir á manifestación

O goberno local de Ponteareas estivo presente na manifestación en defensa da sanidade pública que tivo lugar o pasado xoves, 3 de setembro, a partir das 20:00 horas, na cidade de Vigo. Xunto a eles, moitos veciños e veciñas da vila participaron da protesta grazas ao autocar gratuíto que o propio concello habilitou e que foi cedido por Empresa Ojea S.L..

Con esta presenza, o goberno ponteareán e a concellería de Sanidade do municipio, xestionado por Vanesa Fernández, queren posicionarse claramente a favor dun modelo hospitalario público, universal e gratuíto e, asemade, condenar firmemente o proceso de privatización que está a levar a cabo o goberno autonómico.

O modelo que se pretende impoñer para o hospital Álvaro Cunqueiro vai provocar que os cidadáns e as cidadás galegos teñan que pagar 70 millóns de euros anuais durante 20 anos, chegando aos 1.400 millóns de euros e superando amplamente o orzamento previsto no inicio do proxecto.

A privatización do novo hospital tamén leva aparellado un enorme descenso no número de camas con respecto á cantidade que se estipulou no mencionado proxecto, deseñado polo anterior goberno autonómico bipartito. As 1.440 camas previstas nun principio pasarán a ser 800, co enorme risco que iso pode supor en termos de atención sanitaria.

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e a conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, acaban de inaugurar en Galicia o único hospital en toda España que carecerá dun laboratorio para doentes críticos, que estará a 7 quilómetros do propio Álvaro Cunqueiro e que terá unha xestión privada.

A todo isto haille que engadir a privatización do aparcamento, o traslado do servizo de cardioloxía a Santiago de Compostela ou a deficiencia no sistema de transporte público que conecta este centro sanitario con moitas das comarcas que abrangue e pola que este goberno local xa ten pedido unha reunión co Vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda.

Este executivo municipal, a través da concellería de Sanidade que dirixe Vanesa Fernández, seguirá apoiando, na medida das súas posibilidades, todas as manifestacións que vaian encamiñadas a demandar a construción dun hospital completamente público e que teña en conta o principio da universalidade do sistema sanitario.