O goberno local reúnese cos comerciantes da Praza de Abastos para comunicar o inicio das obras

O alcalde, Xosé Represas, a concelleira de Vías e Obras, Chus Garrote, e o concelleiro de Comercio, Mario Lago, explicaron aos comerciantes como serán os traballos de mellora que comezarán a vindeira semana

mercado-abastos-2O goberno municipal de Ponteareas, representado polo alcalde, Xosé Represas, pola concelleira de Vías, Obras e Urbanismo, Chus Garrote e o concelleiro de Comercio, Mario Lago, vén de manter unha reunión cos comerciantes que teñen actividade no Mercado de Abastos para explicarlles, en persoa, cales serán as obras que darán comezo a próxima semana e que se acometerán ao longo do vindeiro mes nesta instalación. Os traballos, que serán desenvolvidos por unha empresa ponteareá, contemplan un investimento superior aos 160.000 euros.

Os membros do executivo trasladaron o contido do proxecto dunhas obras que prevén, entre outras actuacións, a renovación do alicatado en varias zonas interiores; a eliminación de aplacados nalgúns parámetros exteriores; a impermeabilización dalgunhas zonas puntuais do interior e do exterior da instalación; a renovación da carpintería exterior no terceiro nivel da instalación; e a renovación do pavimento e do saneamento na planta baixa da mesma.

O goberno local tamén comunicou que a empresa adxudicataria incorporará algunhas melloras que non se recollían no proxecto inicial, como a substitución do alumeado interior por outro tipo LED, máis eficiente dende o punto de vista enerxético. Os representantes do executivo comprometéronse cos comerciantes a avisar do inicio dos diferentes traballos con suficiente tempo de antelación, de xeito que sexa posible compaxinar a actividade comercial coas obras de mellora do Mercado de Abastos durante as próximas semanas.