O goberno local instará ao Ministerio de Facenda a revisar os valores catastrais en Ponteareas

A proposta será tratada no pleno municipal do 19 de xaneiro e obedece “á necesidade de adaptar uns valores que non se corresponden coa realidade actual”

O goberno municipal de Ponteareas proporá no pleno municipal que se celebrará o vindeiro 19 de xaneiro instar á Dirección Xeral do Catastro, dependente do ministerio de Facenda, a realizar unha revisión e redución dos valores catastrais do municipio, tal e como vén de confirmar o alcalde, Xosé Represas.

A proposta contempla tamén os prazos, de tal xeito que que o texto que propón recolle o 1 de xaneiro de 2017 como data na que se comezaría a aplicar o correspondente coeficiente redutor aos bens inmobles do Concello de Ponteareas.

A formulación da mesma basea o seu sentido en que “os actuais valores catastrais foron no ano 2009, momento no que se fixo a última revisión e no que se tomaron como referencia os prezos medios da vivenda nun momento no que as cifras moito máis elevadas que na actualidade como consecuencia da burbulla inmobiliaria”.Esta revisión supuxo unha revalorización dos valores catastrais e provocou un elevado incremento sobre o Imposto sobre Bens Inmobles (IBI).

O valor catastral serve como referencia para determinar as cotas de impostos tan importantes como o IBI, o Importo sobre a Renda de Persoas Físicas (IRPF), o Imposto sobre o Patrimonio ou Imposto de Valor dos Terreos de Natureza Urbana (Plusvalías), entre outros. Trátase tamén dun dos puntos que se teñen en conta no momento de calcular a asignación que lle corresponde ao Concello na Participación de Tributos do Estado (PIE).

É por iso que “resulta fundamental contar cuns valores catastrais que se axusten á realidade actual, sendo ademais posible realizar a demandada revisión dende o punto de vista legal, pois a propia Lei do Catastro establece que é posible efectuar revisións á baixa unha vez transcorridos 5 anos dende a última revisión, como é o caso”.