O Goberno local de Ponteareas pide ao PP seriedade ante o cumprimento dunha sentencia firme

“As afirmacións do PP sobre a condena ao Concello de 1,3 millóns de euros por non pagar as facturas de enerxía eléctrica delatan o descontrol contable do goberno de Solla e Villar”, indica o alcalde Xosé Represas.

O goberno local saíu ao paso das declaracións do PP sobre a condena das facturas de enerxía eléctrica impagadas de 2007 a 2009. “Como poden asegurar que as facturas xa estaban pagadas se hai unha condena de 1,3 millóns de euros do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, na que obrigan a incluír esas facturas no Plan de Pago a Provedores de 2012?”, pregúntase o alcalde de Ponteareas, Xosé Represas.

Ante a sentenza firme do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que dá a razón á empresa Central Eléctrica Sestelo e cía.  na súa reclamación contra o Concello de Ponteareas pola débeda xerada entre os anos 2007 a 2009 correspondente ao consumo eléctrico de alumeado público e diversas instalacións municipais, o Goberno municipal está obrigado a cumprir a sentenza e farao defendendo os intereses municipais e que o pago dos 1.326.177 euros non prexudique aínda máis á cidadanía.

“Foi o goberno de Solla e Villar quen remitiu toda a documentación sobre o caso ao Tribunal e este non viu ningunha traza de duplicado ou outro tipo de irregularidade por parte da empresa”, explica o concelleiro de Facenda, Francisco Alonso. “A sentenza é firme, o TSXG desestimou calquera recurso de apelación por inconsistente. O anterior goberno do PP é quen ten explicar porqué non contabilizaron e non pagaron esas facturas, de 2007 a 2009, de gasto corrente de enerxía eléctrica. Este Goberno vai actuar con responsabilidade, a pesar de herdar esta mala bagaxe das súas actuacións.”, incide o edil que retou ao PP a que si non quere cumprir unha sentenza xudicial que o poña por escrito e presente unha moción ao Pleno.

Dende o goberno local de Ponteareas engaden que os sucesivos informes de Intervención municipal sobre ás Conta Anuais do Concello incide no “descontrol contable” dos gobernos presididos por Salvador González Solla.  Nos últimos exercicios o interventor entende que “a contabilidade patrimonial adoece de numerosas deficiencias que impiden que a información contable reflexe a imaxe fiel do patrimonio que se lle atribúe á contabilidade municipal”. Indica tamén “dunha situación descontrol con respecto aos procedementos contables”.