Os traballos, que se desenvolverán en todas as parroquias, abranguen o mantemento, limpeza e acondicionamento de máis de 40 quilómetros das vías máis utilizadas e contarán cun investimento de 100.000 euros
O Goberno local de Ponteareas destinará unha partida de 100.000 euros do Plan Concellos da Deputación Provincial de Pontevedra, para desenvolver a primeira fase do programa de mantemento da rede viaria municipal. Esta primeira fase, que se desenvolverá en todas as parroquias do termo municipal, executará obras de mantemento, limpeza e acondicionamento nun total de 40 quilómetros, elixíndose as vías que, nas súas respectivas parroquias, rexistran máis intensidade de tráfico rodado ou son máis utilizadas pola veciñanza da zona.
Os traballos comezarán nos vindeiros meses de cara a buscar as mellores condicións meteorolóxicas e poder realizadas coas mínimas interrupcións e levaranse a cabo a través das concellerías de Medio Ambiente, que xestiona o alcalde Xosé Represas e Vías e Obras, responsabilidade de María Jesús Garrote.
O alcalde, Xosé Represas, adiantaba que o orzamento destinado a tal fin para o vindeiro ano 2018, “será sensiblemente maior” xa que a intención do Goberno que preside é que no 2019 “a totalidade da rede viaria municipal de Ponteareas, estea en óptimas condicións e garanta tanto a seguridade dos peóns que a diario a utilizan, como a dos vehículos que por ela circulan”.
María Jesús Garrote indica que “os traballos a desenvolver, amais da reparación de fas fochancas con asfaltado en quente, contemplan tamén a limpeza e acondicionamento das gabias ou foxos existentes con medios mecánicos, incluída a retirada de vexetación, reperfilado da sección e limpeza a fondo da mesma”.
Do mesmo xeito as actuacións incluirán a retirada de raíces nas zonas onde poidan afectar ao viario e procederase ao pintado de marcas viarias no caso que, as obras de limpeza e reparación, así o fixeran necesario.