O goberno local correxirá os erros detectados no PXOM

O goberno local de Ponteareas anunciou que nas vindeiras semanas se realizará un traballo “de depuración e correción de erros” detectados no documento elaborado seguindo as instrucións da Xunta de Galicia.

Así o explicaron o alcalde Xosé Represas e a concelleira de urbanismo, Chus Garrote, no encontro mantido o pasado xoves cos representantes dos colectivos veciñais da localidade. Chus Garrote aclarou que “unha cousa son os recortes impostos pola Xunta de Galicia e outra diferente os erros técnicos que estamos detectando e que son comprensibles se temos en conta que as esixencias da administración autonómica obrigaron a realizar innumerables cambios no noso plan”.

O alcalde Xosé Represas referíuse, en particular, aos “erros detectados na delimitación dos nucleos rurais, pois nalgúns casos vivendas xa existentes ubicáronse erroneamente fóra do núcleo malia estar fisicamente nel. Situalas onde corresponde, dentro do núcleo, non contradí as ordes da Xunta de Galicia nin a Lei do Solo, e así o faremos”.

Represas lanzou unha mensaxe de “tranquilidade” pois “aínda que aprobar o plan é urxente, os erros deben ser correxidos e podemos facelo nun prazo moi breve de tempo”. Para iso animou aos afectados a canalizar a súa problemática a través dos colectivos veciñais, aos que pedíu a súa colaboración. Ademais, porase en marcha un horario de consulta, con cita previa, do PXOM modificado pola Xunta. O documento estará tamén dispoñible na web do concello xunto co Plan aprobado inicial e provisionalmente e outra información urbanística.

Na pestaña “PXOM” da páxina web do concello poden xa consultar o documento do Plan Xeral coas modificacións impostas pola Xunta de Galicia, o. proceso de tramitación e outra información útil. Tamén poden acceder clikando nesta ligazón http://www.pxomponteareas.org