O Goberno local celebra a aprobación do proxecto de mellora da N-120 en Ponteareas por parte do Ministerio

 

O Goberno local celebra a aprobación do proxecto de mellora da N-120 en Ponteareas por parte do Ministerio

 

Dá resposta ás demandas realizadas dende Concello e colectivos veciñais, avanzando na solución ao grave problema de seguridade viaria nesta estrada

 

O Goberno municipal do BNG-PSOE celebra a aprobación provisional do proxecto de mellora da N-120 por parte do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, unha noticia moi positiva para Ponteareas que dá resposta as demandas realizadas dende Concello e colectivos veciñais para poñer fin ao grave problema de seguridade viaria que se viña vivindo nesta estrada dende hai décadas. “É un avance imprescindible para solucionar un problema que vivimos dende a apertura da autovía no ano 1996”, salienta a alcaldesa, Cristina Fernández Davila.

 

Dende o Concello considérase un importante paso adiante para Ponteareas e a súa cidadanía producido despois de numerosas xestións e tras a insistencia para atopar solucións. O Goberno local quere recoñecer o esforzo realizado dende os colectivos veciñais e pola súa perseverancia e respaldo para acadar estas melloras na rede viaria do Estado na vila.

 

Pola súa banda, a segunda tenente de alcaldesa, Chus Garrote, deu os seus parabéns ao Goberno do Estado “por cumprir co compromiso adquirido con Ponteareas, que permitirá a exposición ao público do proxecto”.

 

Co proxecto xa aprobado de forma provisional, a rexedora fará un seguimento exhaustivo de todo o proceso para garantir que se avance con axilidade e que estas melloras na seguridade viaria da N-120 sexan unha realidade na maior brevidade de tempo posible, “executando as distintas fases do procedemento sen dilacións e sen retrasos”. O Concello bríndase unha vez máis a colaborar de xeito institucional coa administración para que Ponteareas “conte coas infraestruturas que lle corresponden canto antes”.

 

As obras do proxecto teñen como obxectivo a mellora da seguridade viaria en 5 quilómetros da estrada N-120, no tramo comprendido entre o núcleo urbano e a intersección do Confurco. As principais actuacións que recolle será o acondicionamento de interseccións coa implantación de glorietas, a reordenación de accesos, a execución dunha senda peonil anexa á estrada ou a adecuación de sinalización e balizamento, entre outras. Suporá un investimento de 3,3 millóns de euros.