O goberno local apoia as demandas do persoal do centro de saúde

sdr

A concelleira de Sanidade e tenenta de alcalde Cristina Fernández e a concelleira Chus Garrote apoiaron hoxe a concentración dos enfermeiros e das enfermeiras convocada por Enfermeiras en Loita no centro de saúde de Ponteareas para reivindicar a necesidade urxente de incrementar o persoal sanitario e recordarlle á Xunta de Galicia que urxe que cubra as baixas de persoal sanitario que se producen no centro de saúde local. “Dende hai anos a consellería de Sanidade da Xunta de Galicia fai caso omiso das nosas peticións e das demandas das usuarios e dos usuarios do noso centro de saúde ao non cubrir as baixas que se producen no centro obrigando ao persoal sanitario a atender aos pacientes destes médicos de baixa a maiores da súa lista habitual de pacientes”.

Cristina Fernández explica que este é un feito moi grave xa que satura ao persoal sanitario sobrecargándoo de traballo e facéndolles mesmo duplicar o seu horario.

O centro de saúde de Ponteareas atende practicamente ao 100% da poboación local, tendo máis de 22.000 tarxetas sanitarias. Ademais o PAC local atende ás urxencias dos concellos de As Neves, Covelo, Mondariz, Mondariz Balnerio e Salvaterra de Miño.

Na actualidade hai 8 médicos no turno de mañá e 6 no turno de tarde, 2 pediatras de mañá e 1 pediatra no turno de tarde, 8 enfermeiras xerais e 2 enfermeiras de pediatría no turno de mañá e 4 enfemeiras xerais e 1 enfemeira de pediatría no turno de tarde. “Cada vez que se producen baixas ou días libres o persoal sanitario vese totalmente desbordado”.

O centro de saúde de Ponteareas atende a 1.500 pacientes diarios nunhas instalacións que teñen 35 anos. É momento xa de que invistan na ampliación deste centro e na dotación de persoal médico que poida desenvolver o seu traballo nas mellores condicións para que as e os pacientes non teñan que soportar longos tempos de espera e para que os profesionais non deban traballar longos turnos”.

A concelleira de Ensino engade que para dar un servizo óptimo a toda a comarca é preciso incorporar un dentista e un pediatra máis, tamén un técnico de raios en turno de tarde e un médico e un pediatra máis no PAC, ademais da tan necesaria unidade de saúde mental.

A todo isto habería que engadir que Ponteareas demanda a recuperación a ambulancia que se retirou na quenda da noite.

Fernández agradece a profesionalidade das 70 persoas (persoal sanitario, administrativo e asistenta social) que traballan a diario no centro de saúde local e que son capaces de atender e suplir as carencias da Xunta de Galicia. “O centro de saúde local funciona grazas á profesionalidade e implicación do persoal pero a estas alturas están ao borde do esgotamento e da desmotivación. A Xunta debe cubrir as prazas mínimas de inmediato”.