O Goberno local amplia a rede de abastecemento de augas na parroquia de San Mateo

 

Con estas obras, cun custe de 78.000 euros, 18 familias poderán contar cun servizo básico do que carecían

 A Xunta de Goberno local do Concello de Ponteareas aprobou o inicio da tramitación da adxudicación para ampliar a rede de abastecemento de augas na parroquia de San Mateo de Oliveira. As obras, localizadas nos lugares da Chan, Vilafría e o Cruceiro, conectarán 1.160 metros de tubaxe á rede existente para que a auga poda chegar a un grupo de vivendas que até agora non recibían este servizo.

A ampliación acometerase en dous tramos: 910 metros nos lugares da Chan e Vilafría, que á súa vez levará 610 metros de canos de abastecemento por un tramo principal e 300 por dous secundarios; e 250 metros na aldea do Cruceiro. A obra realizarase na marxe dereita da EP-4006. O proxecto estima que as obras concluirán en tres meses e terá un importe total de 78.010,79 euros, a cargo da subvención do Plan Concellos 2016 da Deputación de Pontevedra.

“Trátanse de actuacións esenciais, que dotarán destes servizos ás familias por primeira vez”, indicou o alcalde Xosé Represas, que enmarcou estas obras dentro da planificación do actual goberno local para dotar de servizos básicos a toda a cidadanía, vivan onde vivan. “Resulta incrible que a día de hoxe centos de familias de Ponteareas carezan dun servizo tan básico como auga corrente nas súas vivendas. Para o anterior goberno isto non era unha prioridade”, criticou o rexedor.