O goberno inviste máis de 140.000€ en melloras no complexo deportivo Álvaro Pino

O goberno de Ponteareas actualizará os equipamentos da piscina municipal e instalizará unha nova climatizadora que reducirá a condensación e manterá a temperatura axeitada tanto dentro como fóra da auga.

A tenente de alcalde, Chus Garrote, adianta que esta nova climatizadora será instalada nos baixos da piscina, lugar máis axeitado segundo os informes técnicos, retirando maquinarias que actualmente están en desuso.

Para garantir un servizo óptimo aos usuarios e usuarias e pechar as instalacións o menor tempo posible, a empresa adxudicataria instalará a nova climatizadora próxima ao emprazamento da actual acurtando así os tempos de obra e instalación.

Empresa, INSDEGA xerencia do complexo deportivo e goberno estudarán de xeito conxunto o momento máis axeitado para a súa instalación tendo como prioridade ocasionar as menores molestias.

O importe total desta obra ascende a 109.603,01€ e redundará na mellora do servizo ofrecido aos máis de 1.300 usuarios da piscina municipal.

A esta mellora que se realizará na piscina municipal hai que sumarlle o investimento de 32.278,72€ do proxecto de ampliación de potencia e reforma da instalación eléctrica do complexo deportivo Álvaro Pino . “Esta era unha obra moi necesaria non só porque había que substituir as celdas que protexen o transformador se non porque había que actualizar e legalizar un transformador que no goberno do PP foi aumentando de potencia sen ter sido nunca legalizado”.

Ao igual que coa anterior obra, a empresa adxudicataria, a xestora do complexo deportivo Álvaro Pino e o goberno municipal fixarán o momento máis axeitado para que a actividade dos máis de tres mil usuarios deste complexo deportivo non se vexa afectada.

O goberno de Ponteareas investirá un total de 141.881,73€ en melloras na piscina municipal.