
dav
O goberno de Ponteareas en coordinación coa Deputación de Pontevedra estuda a viabilidade dunha nova saída de conexión entre a estrada provincial EP 2703 a a N-120 que na actualidade sae pegado á capela dos Remedios.
Por iniciativa da Alcaldía e da Concellería de Vías e Obras estanse a realizar xa os estudos pertinentes para a mellora da seguridade viaria tanto do tráfico rodado como peoníl neste punto. Estes traballos previos que está a realizar o goberno local pretenden adiatar a previsión que recolle o PXOM no que se contempla unha rotonda que facilite o xiro dos vehículos e mellore a conexión co polígono industrial da Lomba.
Ao igual que a mellora da mobilidade peoníl e reforzo do firme da EP2703 Pazos de Borbén-Ponteareas no espazo de maior concentración entre a igrexa, o centro cultural e a escola infantil no que as dúas administración xa están coordinadas, neste novo proxecto traballan para deseñar o vial que conectará con esta rotonda prevista no plan xeral.
Deste xeito, ao retirar o tráfico pesado do entorno da capela dos Remedios poríase en valor este edificio pertencente ao patrimonio histórico de Ponteareas realizando tamén actuacións de embelecemento deste punto e dispondo de beirarrúas que garantan a seguridade e un espazo máis amable para a veciñanza do barrio da Ponte.
O goberno ten a intención de asinar un convenio coa Deputación para que asuma a realización desta obra para o que xa están a realizar os traballos de viabilidade do proxecto, tal e como recentemente manifestou o deputado provincial, Uxío Benitez, cando anunciaba a mellora da seguridade viaria en dous quilómetros da estrada EP-2703 ente Pazos e Ponteareas ao seu paso pola localidade de Ribadetea
O Alcalde Xosé Represas e a Tenente de Alcalde, Chus Garrote, valoran positivamente a disposición da Deputación que xa ten nas mans da área de mobilidade provincial, responsable destas actuacións, este proxecto no que traballan cos técnicos municipais.
O goberno, que xa mantivo unha primeira reunión con Fomento e coa propiedade do entorno afectado, ten pendente volver citarse para avanzar nas últimas consideracións.