O goberno do BNG-PSOE licita a humanización e mellora da accesibilidade do entorno do complexo deportivo Álvaro Pino e Centro de Saúde

A obra suporá un investimento de máis de 526.000 euros

O goberno do BNG-PSOE informou da apertura do prazo de licitación das obras de humanización e mellora da accesibilidade no entorno do complexo deportivo Álvaro Pino e do Centro de Saúde.

Ata o 12 de marzo ás 14 horas as empresas poderán presentarse a través dun concurso público aberto que garante a transparencia e igualdade de oportunidades para a execución deste proxecto que contará co financiamento do concello de Ponteareas e da Deputación de Pontevedra a través do Plan de Remodelación e Mellora de Seguridade dos Viarios Municipais (PLAN DEPOREMSE) cun orzamento de licitación de 526.614,11€ (ive incluído) dos que a organismo provincial aportará 421.291,29€ e o concello 105.322,82€.

As obras suporán a transformación completa de todos os espazos públicos situados entre o complexo deportivo e as estradas que o rodean: N-120, estrada Ponteareas-Mondariz e acceso ao Centro de Saúde. Combinaranse amplos espazos verdes e arborados con zonas de estacionamento e executaranse novas beirarrúas e melloras da seguridade viaria renovándose os accesos ao centro de saúde e á zona deportiva da piscina e pavillóns. O alcalde Xosé Represas e a concelleira de Vías e Obras, Chus Garrote, que esta nova obra constitúe un exemplo máis do cumprimento de compromisos adquiridos coa cidadanía mellorando o entorno para ser desfrutado polas persoas, e ofrecendo así unha cidade na que cada día se mellora a calidade de vida convertendo Ponteareas nun concello no que vivir.

A actuación persigue tamén facilitar a mobilidade desde o regato da Venda cara o río Tea e a súa senda e mellorar o aspecto e a estética urbana dunha das principais entradas á vila de Ponteareas. Con ese obxectivo tamén se eliminará a construción adicada antigamente a posto da Cruz Vermella e despois a oficina de turismo, edificación que se atopa en estado ruinoso afeando a zona.