O goberno de Ponteareas saca a licitación a rede urbana de calor mediante biomasa

sdr

Ponteareas substituirá o gasóleo e a electricidade por residuos forestais para xerar enerxía e reducir as emisións de CO2

O goberno local do BNG e do PSOE informa da apertura do prazo de licitación da rede urbana de calor con biomasa destinada a edificios e instalación municipais. Trátase dun proxecto que dará servizo a residencia de maiores e centro de día, centro social, escola infantil, estación de autobuses e Casa do Concello, e no futuro poderá ampliarse para que chegue a máis edificios.

Comprometidos co medio ambiente e seguindo as liñas da estratexia “Ponteareas, Hábitat Saudable” o goberno abre o prazo de presentación de ofertas ata o vindeiro 30 de marzo a través dun concurso público aberto que garante a transparencia e igualdade de oportunidades.

Este proxecto de rede urbana de calor con biomasa ten un importe de licitación de 837.697 euros (ive incluído) e conta co apoio da Unión Europea a través dos Fondos de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

A utilización de biomasa como fonte de enerxía renovábel permitirá substituir os actuais combustibles, gasóleo e electricidade, que se veñen empregando nas instalacións municipais para servizos como calefacción, auga quente, etc. O goberno local aposta así por unha materia prima procedente das masas forestais dos nosos montes dinamizando a economía local. Deste xeito reduciranse considerablemente as emisións de CO2 avanzando cara un concello máis sustentábel e respectuoso co planeta.