O goberno de Ponteareas esixe a Fomento e Xunta de Galicia a previsión de execución das melloras na N-120

O Alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, urxe á Xunta de Galicia e ao Ministerio de Fomento fixar unha reunión coa Plataforma N-120 para establecer prazos que dean cumprimento ás promesas, acordos e orzamentos reservados dende o ano pasado para mellorar a seguridade viaria desta estrada ao seu paso por Areas, Arnoso e Xinzo.

O goberno de Ponteareas, dirixíuse ao director xeral de estradas do Ministerio de Fomento para lembrarlle os graves problemas de seguridade viaria nun tramo da N-120 que soporta unha alta densidade de tráfico ao non contar o núcleo urbano de Ponteareas (23.000 habitantes) cun vial de alta capacidade que o conecte coa autovía A-52 dende a súa apertura no 1996.

Represas insiste na necesidade de que veciñanza e goberno coñezan as previsións de execución da partida económica que o Estado reservou nos orzamentos xerais para este proxecto cun importe de 6 millóns de euros así como outra partida de 21 millóns de euros para a circunvalación ou vial de conexión coa autovía A-52. 

“Previsións similares xa figuraron no ano 2017 sen que se executaran actuacións relevantes. Queremos explicacións sobre a tramitación destas actuacións e as previsións reais para este ano 2018 coa finalidade de comprometer a execución das partidas económicas citadas”.

Por outro lado, Represas esixe á conselleira de Infraestruturas da Xunta de Galicia que formalice xa o convenio prometido e anunciado na prensa para impulsar a construción da variante de Ponteares, circunvalación que comunicaría o centro urbano de Ponteareas coa autovía A-52 no enlace de Moreira.

“Na súa comunicación dí que en maio de 2015 asinou un protocolo de colaboración entre Xunta, Ministerio de Fomento e concello de Ponteareas para realizar esta infraestrutura estratéxica que a día de hoxe aínda non se concretou nada”.

Ademais, o Alcalde engade que a citada circunvalación permitirá reducir o grave problema de seguridade viaria da N-120 no tramo (P.K 644,61 e 650), cunha altísima densidade de tráfico (máis de 16.000 vehículos diarios), situación que se soporta dende o ano 1996.

Represas pide as explicacións precisas sobre a tramitación realizada pola Consellería nos últimos tres anos, así como copia da correspondente documentación do convenio e os compromisos asumidos no protocolo citado en canto ao proxecto de execución. 

O rexedor local insta á Consellería a manter unha reunión de urxencia na que participen a Plataforma N-120 e portavoces de todas as forzas políticas da Corporación.