O goberno de Ponteareas clausura o obradoiro de emprego co 50% do alumnado insertado laboralmente

O goberno de Ponteareas clausurou hoxe xunto ao delegado provincial da Xunta de Galicia Xosé M. Cores Tourís o III Obradoiro de Emprego “Compromiso Social III” que deu emprego e formación a vinte persoas nas ramas de sociosanitaria e albanelería. Ademais destas vinte persoas alumnas-traballadoras tamén xenerou os postos de traballo do equipo directivo, docentes e persoal adminstrativo.

Este obradoiro permitíu a mellora do curriculum de vinte alumnos e alumnas para as que ademais supuxo un traballo remunerado. Dez persoas en situación de desemprego formáronse na especialidade de operacións auxiliares de revestimento e construción nivel 1, e outras dez formáronse na rama de sociosanitaria a persoas dependentes no domicilio e atención sociosanitaria a persoas dependentes en institución.

Obxectivo conseguido

O Alcalde de Ponteareas adianta que nestes intres o 50% do alumnado participante xa atopou un traballo na rama na que se acaba de formar. “É unha satisfacción ver o obxectivo perseguido se cumpre coa inserción laboral da metade do alumnado nada máis acabar o obradoiro. De seguro que serán máis os que acaden un posto de traballo”.

Ademais, Represas salienta que fruto do esforzo e empeño invertido na procura de ofrecer postos de traballo e formación por primeira vez Ponteareas conta por terceiro ano consecutivo cun obradoiro de emprego.

Durante nove meses traballaron contratados a tempo completo e recibiron formación teórica nas instalacións do CDL para aplicar logo estes coñecementos adquiridos nas prácticas realizadas.

Un total de 360 horas de teoría e 1.080 horas de prácticas que empregaron en mellorar servizos e infraestruturas municipais que beneficiarán a toda a cidadanía.

Dentro das horas de prácticas, os traballadores e traballadoras melloraron o interior da  antiga escola de Guillade e as instalacións do auditorio municipal destinadas anteriormente á televisión municipal. Pola súa banda o alumnado do módulo de sociosanitaria desempregou as súas horas prácticas na residencia de maiores Santa Ana e en 43 domicilios.

Estes obradoiros, que dan prioridade ás persoas beneficiarias da renda de integración social de Galicia, facilitan a inserción laboral e súmanse aos esforzos en materia de emprego que este goberno de Ponteareas está realizar.