O Goberno de Ponteareas aforrou este ano un 35% no custe das actuacións musicais do Corpus con respecto ao 2015

Cun programa máis ambicioso e de maior éxito de público, a concelleira de Cultura, Hortensia Bautista, logrou rebaixar os 61.000 euros de 2015 a só 40.000 euros

O custe da orquestra Panorama foi de 10.000 euros

A concelleira de Cultura e Turismo do Concello de Ponteareas, Hortensia Bautista, informou dos gastos das actuacións musicais nas Festas do Corpus Christi finalizadas o pasado luns 30 de  maio. Segundo Bautista, o importe total das distintas actuacións musicais suman 40.000 euros, cun aforro de máis do 35 % con respecto ao ano anterior. As últimas organizadas polo anterior goberno do PP superaron os 61.000 euros, malia ser patrocinadas por unha coñecida empresa da zona.

A concelleira de Cultura e Turismo saíu así ao paso das críticas do Partido Popular que nos últimos días arremetera contra o gasto nas actuacións musicais deste ano.

“A política de control do gasto do actual goberno de coalición de BNG, PSOE e A Riada do Tea, está dando o seu resultado e sen rebaixar a importancia, calidade e repercusión pública das actuacións musicais contratadas para as Festas do Corpus como sucedeu coas actuacións do domingo con Luar na Lubre e no luns coa orquestra espectáculo Panorama que congregou a máis de 6.000 persoas na praza Maior de Ponteareas”, indicou a edil de Cultura.

No caso das festas do Corpus, o aforro xerado é consecuencia da xestión realizada nas contratacións das distintas actuacións, solicitando diversos orzamentos e buscando aquelas actuacións con maior impacto e que resultaran adecuadas para a situación actual das arcas municipais.

Hortensia Bautista lembrou que nos 40.000 euros tamén inclúen o custe das actuacións da Orquestra de Cámara Galega do sábado 21, a actuación da soprano Teresa Novoa e o pianista Pablo Rodríguez do venres 27 no final do acto de recoñecemento de Fillo Predilecto a Francisco Peña, as actuacións da banda de música de A Unión Guláns e da banda de gaitas Tremiñado, a actuación da orquestra Palladium o domingo 29, así como do grupo de folk galego Luar na Lubre e a orquestra Panorama do luns 30. Esta última actuación supuxo ás arcas municipais un custe de 10.000 euros.

Aproveitou para agradecer novamente aos alfombreiros e alfombreiras toda a súa dedicación para acadar o éxito da festa.