O Goberno de Ponteareas adxudica a obra da pista polideportiva cuberta no CEIP Fermín Bouza Brey

O executivo municipal vén de aprobar de novo a contratación das obras do CEIP Fermín Bouza Brey.

A obra inicial fora adxudicada inicialmente en maio de 2015 polo anterior Goberno municipal cun orzamento de 188.277 euros, financiados pola Deputación de Pontevedra a través do Plan Provincial de Obras e Servizos.

Q55A9134

As concelleiras de Vías e Obras, Chus Garrote, e de Ensino, Cristina Fernández, explican que a adxudicación da obra fora anulada no pasado verán de 2015 por discrepancias na realización do proxecto coa empresa adxudicataria, pois pretendía realizar unha obra de menor calidade, así como comezar as obras co curso escolar xa avanzado.

Nesta nova convocatoria presentáronse tres empresas e foi adxudicada a unha empresa local por ser a mellor oferta en canto ao prezo e a calidade das melloras.

O obxectivo desta obra é protexer aos pequenos das inclemencias do tempo e garantir a realización das actividades deportivas e de xogos á marxe da chuvia. Esta obra prevé que a pista polideportiva do CEIP Fermín Bouza Brey pase dos 630 metros cadrados actuais a 1.022 metros cadrados. A construción da cuberta terá un teito a dúas augas. Esta nova instalación deportiva no núcleo urbano tamén permitirá o seu emprego fóra do horario escolar.

Q55A9116

A acta de replanteo para o inicio da obra foi asignada o pasado día 5, coa presenza do representante da empresa e o arquitecto e directo da obra, amais do alcalde, a primeira teniente alcalde María Jesús Garrote, a concelleira de Ensino, Cristina Fernández, o concelleiro de Facenda, Francisco Alonso, e o director do propio centro.