O Goberno convoca a Comisión de Facenda para tratar sobre os primeiros orzamentos municipais desde 2010

As contas contemplan uns ingresos de 13.777.053,24 euros e uns gastos de 12.972.722,22 euros.

O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, ven de convocar á comisión informativa de Facenda para tratar sobre os orzamentos municipais deste ano 2016 a todos os grupos políticos da Corporación, para o próximo mércores 11 de maio ás 11.30 horas. Estas contas serán as primeiras do Concello de Ponteareas desde o ano 2010, ata agora estivose prorrogando o dese ano, “en todos estes anos, o anterior Goberno do PP non elaborou un só orzamento” manifestou o concelleiro de facenda Francisco Alonso. As contas contemplan uns ingresos de 13.777.053,24 euros e uns gastos de 12.972.722,22 euros.

“A situación anterior de desfase das contas non permitía dispoñer dunha situación contable axustada á realidade, pois tense en conta a regularización de situacións contables que estaban pendentes de efectuar tanto no capítulo de ingresos (1.185.855 euros) como no de gastos (máis de 400.000 euros)” explica o alcalde, Xosé Represas. Este primeiro orzamento do novo goberno municipal marca algunhas das liñas de actuación a pesares das limitacións económicas de Ponteareas. Compre lembrar que o Estado retén cada mes máis do 50% dos ingresos para pagar as débedas atrasadas con proveedores que o Ministerio de Facenda pagou en 2012. Entre as prioridades fixadas polo goberno do BNG, PSOE e A Riada do Tea figura o incremento en axudas ás familias con escasos recursos económicos, as medidas de fomento do emprego e as previsións para a contratación de proxectos de mellora do espazo urbano e nas parroquias

Os orzamentos destinan a gastos de persoal, 5,5 millóns de euros, 42,5% e a gastos correntes en bens e servizos, 6,1 millóns de euros, 47,5%, e medio millón de euros a pagar condenas xudiciais de intereses de demora e débedas así como outros gastos financeiros

O concelleiro de Facenda, Francisco Alonso, incidíu no escaso marxen que ten o Concello para acometer novas actuacións xa que os investimentos que figuran nos orzamentos suman únicamente 273.000 euros. Esta cifra incrementarase cos fondos do plan de Concellos da Deputación e outras actuacións financiadas con subvencións de fondos europeos e da Xunta

Orzamentos sociais

Os presupostos deste ano teñen unha clara vontade social, co aumento no gasto a axudas de emerxencia social do 50%, pasando de 60.000 a 90.000 euros así como as previsións de 30.000 euros para o servizo de comedor escolar e 20.000 euros para material escolar e libros. Con estas partidas as Concellerías de Servizos Sociais e Ensino queren cubrir as novas situacións a maiores que contempla o regulamento de emerxencia social modificado e os compromisos xa asumidos no Pleno.

Ademais, o goberno promove medidas encamiñadas ao fomento do emprego no municipio coa habilitación dunha partida de 50.000 euros para subvencionar a creación de postos de traballo, ás que hai que sumar 30.000 previstos para contar con obradoiros de emprego.

No apartado de transferencias a colectivos sociais, as actividades das casas culturais contan con 40.000 euros, igual que os clubes deportivos que contan con outros 40.000 euros.

Ingresos

Sobre a procedencia dos ingresos, cunha previsión realista, 3,9 millóns proceden de impostos directos, (IBI, imposto de vehículos, incremento valor terreos e actividades económicas), 3,3 millóns son ingresos de taxas e prezos públicos (recollida do lixo, sumidoiros, sancións e multas, usuarios residencia maiores, taxas conservatorio e escola infantil, entrada vehículos e ocupación de espazos públicos), 6,2 millóns son transferencias correntes do Estado, da Xunta e da Deputación.