Tamén se informará sobre as novas bases reguladoras das subvencións a clubs deportivos
O goberno local celebrará mañá xoves, ás 19:30 horas, na sala multiúsos do auditorio municipal Reveriano Soutullo, un encontro co tecido deportivo da localidade. Na reunión estarán presentes o Alcalde Xosé Represas, a concelleira de deportes Nahir Covelo e o concelleiro de Participación Cidadá Roberto Mera.
Á reunión están convocados todos os clubs deportivos da localidade así como os deportistas a título individual. O obxecto do encontro é expoñer as liñas de traballo e os obxectivos da área que dirixe a nacionalista Nahir Covelo. A edil anunciou que neste mandato “se introducirán importantes cambios no funcionamento da área de deportes para dar resposta eficaz ás aspiracións do enorme tecido deportivo co que contamos en Ponteareas”.
Ademais, tamén se informará aos clubs sobre as bases que rexerán a nova convocatoria de subvencións que se porá en marcha de inmediato.