O goberno consultará coa veciñanza o deseño das rúas Daniel Ojea, Mestres e Vázquez Fraile

dav

Convocada unha reunión coa veciñanza este venres 22 ás 20:30 horas no salón de plenos

O Concello de Ponteareas pon en marcha o proceso de participación para o deseño das rúas Daniel Ojea, rúa dos Mestres e rúa Vázquez Fraile e convoca á veciñanza da zona a unha reunión este venres día 22 ás 20:30 horas no salón de plenos da casa do concello. No encontro participarán o Alcalde Xosé Represas, o concelleiro de Mobilidade e Participación Cidadá, Roberto Mera e a concelleira de Vías e Obras Chus Garrote.

Con esta reunión o goberno local quere escoitar a opinión veciñal sobre as problemáticas actuais das rúas e as ideas de futuro. A información recollida nesta reunión será tida en conta no futuro para os proxectos técnicos de reforma e humanización que se someterá igualmente a consulta pública para que a transformación futura das rúas sexa o resultado do máximo consenso cidadá.

Estas tres rúas foron deseñadas no seu día dacordo cun modelo de vila no que imperaba o aproveitamento máximo dos solares para obter un alto beneficio urbanístico, a creación de rúas estreitas, con beirarrúas insuficientes e sen arborado ou con arborado inapropiado e a carón dos edificios.

O goberno local quere revertir esta situación e reconducir o estado da vila transformando o centro urbano nun lugar habitabel e para que a transformación sexa eficaz e exitosa é preciso contar coa veciñanza que é a que coñece a realidade diaria das rúas.

O concello realizou estes días na rúa dos Mestres e Daniel Ojea obras de mellora do firme das beirarrúas afectadas polas raíces do arborado e a retirada destas árbores. para solucionar os problemas de seguridade e mobilidade que conlevaba o deterioro desas beirarrúas.