O goberno aproba o maior orzamento da historia de Ponteareas

Cos votos en contra de PP e ACIP, Ponteareas prepárase para executar investimentos por valor de 3.045.067€

Crease unha partida de 150.000 euros para subvencionar obras nas traídas de auga veciñais 

Incrementanse nun 25% as axudas para entidades culturais e deportivas

O goberno de Ponteareas procedeu hoxe á aprobación inicial dos orzamentos para o ano 2018 cos votos en contra da oposición do Partido Popular e ACIP. Esquerda Unida coa súa abstención facilitou a aprobación inicial dun orzamento histórico pola súa cuantía e capacidade de  investimento.

Uns orzamentos equilibrados e abertos á toda a corporación municipal á que durante estes meses se lle convidou a estudar e aportar opinións, recibindo unicamente de volta as suxestións de Esquerda Unida que foron tidas en conta e incorporadas.

O orzamento, que suma un total de 16.936.298,83€, marca un antes e un despois na historia económica do concello, consolidan a liña de actuación marcada hai tres anos, tempo no que se rematou coas débedas millonarias arrastradas durante décadas por gobernos da dereita e sitúan a Ponteareas na solvencia económica.

Os investimentos xa incorporados nos orzamentos suman un total de 3.045.067,61€ e son financiados fundamentalmente coa subvención de fondos europeos da estratexia “Ponteareas, Hábitat Saudable”. 

“Estes orzamentos son o resultado da xestión do actual goberno e do proxecto de futuro de Ponteareas deseñado neste mandato e con fondos para levalo a cabo. Este orzamento permitirá por en marcha as primeiras iniciativas da transformación e modernización que precisa Ponteareas. A capacidade de xestión e proxecto de futuro para Ponteareas vexe reflectido nestes orzamentos”,  afirmou o alcalde nacionalista, Xosé Represas, que defendeu no Pleno os orzamentos.

O alcalde remarcou unha das novidades do orzamento, a  incorporación dunha partida de 150.000 euros para conceder axudas a traídas veciñais de augas, de modo que serán subvencionables “as obras prioritarias de novas captacións e depósitos ás comunidades veciñais que sufriron en maior medida as consecuncias da seca no verán e outono pasado”.

Entre as partidas máis destacadas, o Alcalde fixo fincapé a relevancia que se lle da a priorizar o gasto social que suma un total de 2.692.784,62€  nas diferentes liñas cos servizos socias, a residencia de maiores, a axuda no fogar, o centro Asprodico ou a escola infantil entre as prioridades. O gobernou volveu incrementar a partida para as axudas de emerxencia social que subirá ata os 120.000 euros, cifra que multiplica a destinada no ano 2014, último ano de goberno do PP. 

Outra das partidas económicas creadas polo actual goberno de Ponteareas para apoiar ás familias con menos ingresos é a das axudas para libros e material escolar que por importe de 21.000 euros sirve de apoio económico a máis de 200 familias. 

Pola súa parte, Educación e Cultura suman un total de 2.305.070,96 euros que se investirán no Conservatorio, centros educativos, biblioteca, auditorio e as actividades festivas e culturais. Outra das partidas de gasto corrente máis relevante; o servizo de limpeza viaria, recollida do lixo e tratamento en SOGAMA, suma un total de 1.650.000 euros.

Entre outras medidas que recolle este documento está a conxelación de taxas e impostos con rebaixas relevantes como a do imposto de construcións e reformas que foi do 80%. “Son uns orzamentos que garanten a estabilidade econónica municipal e sitúan ao Concello de Ponteareas na mellor situación da súa história para afrontar os grandes retos de investimentos que ten pendente Ponteareas e que a partir xa deste ano pode acometer con garantía e solvencia económica”.

Entre os acordos ligados aos orzamentos e tendo en conta acordos plenarios e aportacións de Esquerda Unida, ao borrador achegado con antelación a todos os grupos da oposición, figura a previsión de financiación do incremento salarial dos traballadores municipais, pendente de concretar xa que a negociación aínda está aberta e que se financiará con cargo a unha parte das vacantes de persoal.

Outro dos acordos é a previsión de amortización de licencias de taxi que contará cunha previsión de 36.308,50€, partida que se financiará tamén a cargo das prazas vacantes de persoal.

Contémplanse incrementos do 25% para as axudas para Casas Culturais e clubes deportivos que pasan dos 80.000 euros a 100,000 euros a suma das dúas liñas de axudas” matizou o Alcalde de Ponteareas.

Represas destacou que “o orzamento permitirá facer investimentos imprescindibles e que tamén recolle o saneamento das contas municipais na que figuran as últimas partidas destinadas a pagar sentenzas e débedas atrasadas”.  En 2018 destinarase máis de 500.000 euros ao pago de sentenzas xudiciais por débedas e préstamos.