O físico Jorge Mira Pérez pecha o ciclo de conferencias da Semana das Ciencias de Ponteareas

As actividades continuarán durante o venres 28 de abril coa ‘Feira das Ciencias’ e o 29 de abril con ‘Achégate a Ciencia’ e unha representación a cargo de Artello Teatro

O xoves 27 de abril, a Semana das Ciencias de Ponteareas pecha o seu ciclo de conferencias e o fai por todo o alto coa charla que impartirá o físico Jorge Mira Pérez, ás 19 horas no Auditorio Reveriano Soutullo, que deixa no aire unha interesante pregunta, A que altura está o ceo?

Jorge Mira é licenciado e Doutor Europeo en Física. Catedrático de Física Aplicada na Universidade de Santiago. Mira sempre procurou amosar a parte máis atractiva do complexo mundo das ciencias, de aí a súa participación en programas como Arrampla con todo e Ciencianosa, amais de ser o experto en cifras, durante sete anos, do programa Cifras e Letras, todos eles na Televisión de Galicia.

Antes da charla de Jorge Mira, alumnas do IES Pedra da Auga presentarán as Microcharlas Científicas a cargo de compañeiros do CIFP A Granxa.

Na xornada do martes, o protagonismo foi ponteareán con Xerardo García Mera coa súa ponencia titulada “unha viaxe crítica polo descubrimento de novos fármacos”, e hoxe mércores volveremos a ter relatores de Ponteareas, directamente relacionados coa empresa Ecocelta, afincada na localidade. Por unha banda, Bárbara Álvarez Besadio, licenciada en bioloxía e máster en Biotecnoloxía,  desenvolverá un atractivo relatorio baixo o título Un científico non ten que ser de bata. Pola súa banda, Sergio Horacio Quiroga Rivero, fundador de Ecocelta, enxeñeiro agrónomo e director xerente e técnico de I+D da empresa, tomará o tema Ecocelta como experiencia bioemprendedora.

Malia pecharse o xoves o ciclo de conferencias desta semana das ciencias, que consolida a Ponteareas como un referente neste tipo de iniciativas, as actividades continuarán durante o venres e o sábado.

O venres 28 de abril, entre as 17 h e as 20 horas, nas rúas Morales Hidalgo e Estrada, nas inmediacións do Auditorio Municipal, serán protagonistas da Feira das Ciencias. A actividade consiste en pequenos espazos onde alumnado dos centros escolares, coa axuda do profesorado, expoñerán inventos, proxectos e investigacións de diversa índole. Unha mostra clara do interese dos rapaces e rapazas pola ciencia que poderá ser observada polo público, e mesmo interactuada por eles.

Doutra banda e dentro das visitas educativas que se desenvolven ao abeiro da Semana das Ciencias, o alumnado de bacharelato de Ponteareas visitou onte Ecocelta, repetindo o día 27 de abril. Ao día segunte, 28 de abril, os máis pequenos, como son os alumnos e alumnas do CRA ‘A Picaraña’, terán a ocasión de realizar unha visita educativa que os levará ata o Museo do Mar de Vigo.

O sábado 29 de abril, ás 12 horas nos Xardíns da Xiralda, fronte á Casa do Concello, o alumnado de Ponteareas amosará unha actividade denominada ‘Achegate á ciencia’ onde amosarán diferentes experiencias científicas realizadas polos rapaces e rapazas.

Pola tarde e como peche a esta Semana das Ciencias, o Auditorio Reveriano Soutullo acollerá a representación da obra Non toques os meus círculos a cargo de Artello Teatro. Trátase dun divertido espectáculo teatral creado co asesoramento do Departamento de Física Aplicada da Universidade de Vigo que vencella, cun humor elegante, os aspectos científico e humanístico.

“Estamos moi satisfeitos da acollida que está tendo esta segunda edición da Semana das Ciencias, entre a veciñanza de Ponteareas e toda a súa comarca, cunha alta participación en todas as actividades organizadas”, explica a edil de Ensino, Cristina Fernández.