O festival das Letras Galegas continúa en Guillade

 

Este sábado 21 de maio o Centro Cultural da parroquia acolle as actuacións das pandeireteiras ‘As Fiuncheiras’ e do grupo de teatro ‘Pedra do Cabalo’, dentro do programa Cultura24

 

O festival das Letras Galegas continúa en GuilladeO festival das Letras Galegas continúa esta fin de semana na parroquia de Guillade. O Centro Cultural acolle este sábado 21 de maio dúas novas actuacións de balde nas que público de todas as idades poderá gozar da música e do teatro. A primeira actividade será ás 20.00 horas coa actuación do grupo de pandeireteiras ‘As Fiuncheiras’, de Guillade.

 

Tras a música tradicional será a quenda da interpretación ás 21.00 horas cunha obra do grupo de teatro ‘Pedra do Cabalo’, de Celeiros. Este espectáculo teatral forma parte do programa Cultura24, unha iniciativa posta en marcha polo Concello de Ponteareas “para achegar a actividade cultural ás 24 parroquias que compoñen a nosa vila, promocionando a arte das agrupacións ponteareás, potenciando a súa visibilización e o seu funcionamento”, salienta o concelleiro de Cultura, Fernando Groba.

 

O edil convida a participar a toda a veciñanza nesta nova xornada de lecer nas parroquias e a gozar da música e do teatro das agrupacións da vila.