O Estado obriga a Ponteareas a devolver máis de 600.000 euros da participación do concello nos tributos do ano 2013

O alcalde ponteareán, Xosé Represas, afirma que esta devolución porá ao Concello nunha situación económica aínda máis delicada

Represas levará a pleno unha proposta para solicitar ao Estado que o pagamento se efectúe no maior prazo posible

A devolución débese ao cálculo erróneo por parte do goberno central no reparto dos fondos correspondentes á participación dos concellos nos ingresos do Estado no ano 2013

concelloO Concello de Ponteareas terá que devolver un total de 605.436 euros correspondentes á participación do municipio nos tributos do Estado durante o ano 2013, tal e como se traduce da liquidación que o consistorio vén de recibir por parte do Ministerio de Facenda.

Esta devolución, que representa unha cantidade de 26 euros por habitante, deixará a economía municipal nunha situación límite. O goberno local admite que terá que acometer recortes en gasto corrente, pero se compromete a non levar a cabo recortes que poidan afectar aos servizos básicos.

A obriga por parte do concello de restituír estes cartos é responsabilidade única e exclusiva do goberno central, en mans do Partido Popular, e dos erros cometidos á hora de calcular o reparto de fondos correspondentes á participación dos concellos nos ingresos do Estado no ano 2013.

Neste senso, Xosé Represas vén de manifestar a intención de levar a pleno unha proposta “para solicitar ao Estado que a devolución se realice no maior prazo posible, cando menos nun período de 10 anos”.

O rexedor insiste na importancia desta retención, que “o Ministerio ten previsto aplicar a partir do mes de xaneiro de 2016”, posto que “se sumaría á que xa se está a realizar neste momento dende a Administración Central e que representa algo máis do 57% dos ingresos percibidos polo Concello de Ponteareas na participación nos tributos do Estado”. Este concello deixou de ingresar máis de 1.600.000 euros, só no que vai transcorrido do ano 2015, polo embargo que se está a levar a cabo dende Madrid.

O goberno municipal de Ponteareas lamenta, ademais, a inxustiza no establecemento dos criterios que marcan o reparto dos ingresos do Estado que se fai dende o goberno estatal, a cal deixa aos concellos galegos na cola de percepción deste tipo impostos, cunha media de 263,16 euros por habitante, moi por debaixo doutras comunidades autónomas. A vila do Tea é, asemade, un dos municipios galegos que máis diñeiro terá que devolver pola liquidación do ano 2013 (605.436 euros) en relación ao seu tamaño.

Este executivo seguirá traballando para sanear unha economía municipal maltratada por parte do Estado e tamén do goberno autonómico, que ata o momento aínda non asumiu a xestión da residencia Santa Ana nin tampouco a xerencia da estación de autobuses, instalacións que desenvolven labores dentro das áreas que competen á Xunta de Galicia.