O día 20 de febreiro remata o prazo para a preinscrición para os cursos de lingua galega, preparatorios para as probas Celga

celga O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ponteareas, dependente da Concellería de Cultura, que dirixe Andrés Sampedro Fernández, quere informar a todos os veciños e veciñas que o prazo para solicitar a preinscrición nos cursos de galego preparatorios para a obtención dos diferentes niveis de Certificados de lingua galega (CELGA) remata o día 20 de febreiro.

Todas aquelas persoas interesadas nestes cursos, e en participar nas probas para a obtención dos devanditos certificados, poden pasar polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ponteareas, situado no segundo andar da Biblioteca Pública Municipal onde recibirán a información e o asesoramento necesarios, tanto para a realización dos devanditos cursos e probas, como das distintas validacións dos certificados de coñecemento da lingua galega.