O descubrimento de novos fármacos e o achegamento da Ciencia ao Ensino, centran a segunda xornada da Semana das Ciencias de Ponteareas

A Semana das Ciencias pon, todos os días, un Museo Científico ao alcance dos alumnos e alumnas dos centros escolares ponteareáns para “aprender experimentando” apunta a concelleira de Ensino, Cristina Fernández

Logo da xornada inaugural da Semana das Ciencias que correu a cargo da licenciada en Historia e máster en Antopoloxía Física, Andrea Fernández Vilela, coa súa conferencia ‘A Antopoloxía Física dentro do ámbito científico’ o martes 25 de abril a Semana das Ciencias de Ponteareas afronta a súa segunda xornada con dúas interesantes actividades nas que o descubrimento de novos medicamentos e o achegamento da ciencia á ensinanza, serán os temas a desenvolver.

As 16:30 horas, na Sala Multiusos da Biblioteca Municipal de Ponteareas da rúa Perillana, terá lugar a actividade na que, baixo o título ‘Achegamento da Ciencia á Ensinanza’, José Benito Vázquez Dorrío e Antonio Gregores Montes, desenvolverán dous interesantes relatorios.

José Benito Vázquez Dorrío, doutor en Física, profesor da Escola de Enxeñería de Minas e Enerxía da Universidade de Vigo, responsable de clickonphysics.es e Embaixador de Scientix en España, desenvolverá o tema “Scientix, a comunidade para o ensino das ciencias en Europa”. Pola súa banda, Antonio Gregorio Montes, catedrático de Física e Química no IES de Ribadeo, desenvolverá o relatorio “Entusiasmo pola ciencia: promoción e aproveitamento”.

Ás 19 horas, na Sala de Usos Múltiples do Auditorio Municipal, será Xerardo García Mera, licenciado en Farmacia, doutor en Química Orgánica e profesor titular de Química Orgánica da Universidade de Santiago, falará sobre “Unha viaxe crítica polo descubrimento de novos fármacos”.

Museo científico ‘Ciencia en Movemento’

Amais dos relatorios diarios, a Semana das Ciencias de Ponteareas desenvolve, todos os días en horario de mañá e tarde e con cita previa concertada para cada grupo e centro, un Museo Científico con máis de 70 obxectos e a recomendación expresa de “prohibido non tocar” xa que, como sinala a concelleira de Ensino, Cristina Fernández, “non hai mellor medio de espertar a curiosidade dos rapaces rapazas, nin mellor forma de aprender, que experimentando”.