O deporte, gran protagonista da fin de semana no Concello de Ponteareas

 

Campionato Galego de natación en augas abertas

Preto de 250 participantes de diversas categorías déronse cita, o pasado sábado 4 de xuño, na praia fluvial de A Freixa para disputar o Campionato Galego de natación en augas abertas nas augas do río Tea, ao seu paso pola vila de Ponteareas.

A primeira proba en disputarse foi a categoría máster, ás 10 horas, con dúas voltas ao circuíto ata completar 2500 metros. Logo chegou a quenda da proba raíña, cos nadadores e nadadoras infantís, júniors e séniors que percorreron 4 voltas ao circuíto (5000 metros) e a derradeira saída, ás 13.30 horas, foi para os nadadores e nadadoras da categoría alevín, que tiñan por diante unha única volta de 1250 metros.

O tempo atmosférico foi perfecto para a práctica da natación, cunha leve choiva que apareceu na ultima parte da proba alevín, o que propiciou uns boísimos resultados.

Ademais das medallas individuais, as clasificacións por equipos foron as seguintes:

 

Categoría máster:

-Campión Galego: Hércules Termaria

-Mellor Equipo Feminino: Hércules Termaria

-Mellor Equipo Masculino: CN Ponteareas

 

Categoría absoluta:

-Campión Galego: CN Ponteareas

-Mellor Equipo Feminino: CN Ponteareas

-Mellor Equipo Masculino: CN Ponteareas

 

Esta foi a primeira das tres probas do circuíto galego de augas abertas que o CN Ponteareas coorganizará xunto á Federación Galega de Natación no río Tea, facendo da natación o deporte de moda este verán no Condado.

Campionato Galego de Bádminton

 

O sábado tamén foi un gran día para o Bádminton ponteareán. O Complexo Álvaro Pino acolleu o Campionato Galego sub 19 e sub 9, con grandes resultados para o Club Bádminton Ponteareas.

A sub 9 Eva Lemos fíxose coa vitoria nas tres modalidades: individual feminino, dobres femininos e dobres mixtos xunto a Wences Lemos. Pola súa banda, Mar Rey tamén colleitou boísimos resultados, sendo ouro nos dobres femininos, prata nos mixtos e bronce no campionato individual.

Na categoría sub-19, o ponteareán, Basilio Porto, proclamouse vencedor no individual masculino e no dobres mixto, mentres que Iker Rodríguez acadou o segundo posto nesta categoría.

Gran Premio Mini BTT

O domingo foi a quenda do ciclismo, cunha nova edición do Gran Premio Mini BTT Escola Borja Gómez Méndez, que se celebrou no Parque da Bouza Vella. Unha proba organizada polo Club Ciclista Ponteareas en colaboración co Concello e maila Federación Galega de Ciclismo que reuniu a máis de 350 nenos e nenas de toda a Comunidade nas categorías benxamín, promesa, principiante, alevín e infantil.

Festival de Patinaxe

 

O pavillón do Complexo Deportivo Álvaro Pino foi tamén este domingo escenario dun festival de patinaxe, organizado polo Club Patinaxe Tea para concluír o curso. Nel participaron máis de medio cento de mozas e mozos, que amosaron ao público as súas acrobacias e coreografías.

O concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó, valorou moi positivamente unha fin de semana cargada de eventos que “permitiu que tanto a veciñanza como os visitantes gozasen do ambiente deportivo nos espazos naturais que temos na nosa vila ao tempo que seguimos avanzando na consolidación da práctica deportiva e os hábitos saudables na poboación”.