O Correlingua remata a súa andaina con éxito de público en Ponteareas na véspera do Día das Letras Galegas

Máis de 2.000 cativos e cativas dos centros educativos de primaria e secundaria de Ponteareas e mais Tui encheron as rúas e prazas da vila do Tea nunha xornada de lecer e reivindicación a prol da lingua galega

A xeira comezou ben cedo, sobre as 8.00 horas, para un grupo de alfombristas que elaboraron en menos de tres horas unha alfombra floral commemorativa da figura de Manuel María e as nosas letras na Praza Maior, onde se podía ler o lema da marcha: O Galego está en Nós

Alfombra

A partir das 11.00, o alumnado do CEIP Fermín Bouza Brey, CEIP Mestre Ramiro Sabell, CEIP Nosa S. Dos Remedios, CEIP Feliciano Barrera, CPR A Inmaculada, CPR Santiago Apóstol, IES Val do Tea, IES Pedra da Auga, CIFP A Granxa, IES Ponteareas, así coma o CEIP Rebordáns e o CEIP Randufe, ambos de Tui, comezaron o percorrido do Correlingua desde a praza da Feira Vella até a Praza Maior, para de volta vir até o punto de saída, onde lle esperaban as actuacións de Zënzar e Talía Teatro. Os artistas convidados fixeron as ledicias do público máis pícaro, facéndoos partícipes do espectáculo.

ogalegoestáennós

Alumnos e alumnas de diferentes centros de primaria deron lectura ao manifesto gañador desta edición do Correlingua, texto elaborado por 4º da ESO do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo co título Na procura do Galego. O poema colectivo deixa versos destacábeis coma: “Quero apreixar o galego coas mans/e só consigo respiralo”.