O Correlíngua chega a Ponteareas co lema “O Galego está en Nós”, verso recollido na obra do poeta Manuel María

O próximo 16 de maio, un día antes da conmemoración da egrexia figura do poeta nas Letras Galegas, chega a festa de dinamización da lingua galega coa participación do alumnado da localidade e a contorna.

A edición 2016 do Correlingua, organizada pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega, A Mesa pola Normalización Lingüística e a CIG-Ensino, coa colaboración da Deputación de Pontevedra, entre outros, porá o ramo á súa andanza  por diferentes vilas e cidades do país na vila do Tea o próximo luns 16 de maio, na véspera da conmemoración ao poeta, dramaturgo, narrador e académico da lingua galega Manuel María. Mesmo a frase escollida como lema nesta xeira “O Galego está en Nós” está recollida na obra do autor que recibe tributo o 17 de maio.

Participará nesta xornada de lecer e aprendizaxe, que dará comezo ás 11.00 horas na Praza da Feira Vella co percorrido circular á mesma, o alumnado do CEIP Fermín Bouza Brey, CEIP Mestre Ramiro Sabell, CEIP Nosa S. Dos Remedios, CEIP Feliciano Barrera, CPR A Inmaculada, CPR Santiago Apóstol, IES Val do Tea, IES Pedra da Auga, CIFP A Granxa, IES Ponteareas, así coma o CEIP Rebordáns e o CEIP Randufe, ambos de Tui.  Entre todos xuntarán uns 2.000 alumnos e alumnas.

2016.05.04.-correlingua

O acto da festa final comezará ás 11.30 horas e participarán artistas comprometidos coa defensa da nosa lingua. É o caso de Talía Teatro, con máis de vinte anos de difusión da cultura galega polo país adiante. Acutarán tamén a banda de rock Zënzar, un dos gañadores do Cantalingua. A maiores, en Ponteareas o Correlingua contará cunha banda integrada por estudantes do Conservatorio Municipal que intrepretará durante o percorrido un repertorio galego preparado para a ocasión.

No seu paso pola vila do Condado, o Correlingua terá a súa propia alfombra floral cun deseño basado na vida e obra de Manuel María, co que se contou coa colaboración desinteresada de alfombristas de Ponteareas. Na súa elaboración os escolares tamén participarán.

Na festa final haberá un momento para o manifesto, texto elaborado polo alumnado de 4º da ESO do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo co título Na procura do Galego, gañadores do certame, e que terá lectura por unha representación do alumnado dos centros participantes. O poema colectivo deixa versos destacábeis coma: “Quero apreixar o galego coas mans/e só consigo respiralo”.

O Galego está en Nós

 “Queremos enviar a mensaxe con esta boa acollida da posibilidade e a vontade de vivirmos en galego”, destacou na presentación do evento a portavoz da organización e escritora Marta Dacosta. “Queremos agradecer ao Concello de Ponteareas a súa implicación na organización da actividade e aos centros educativos a súa colaboración, acollida e participación en todo o desenvolvemento do Correlingua”, engadiu.

“Desde Ensino e Normalización Lingüística entendemos que esta iniciativa é un exemplo de promoción dunha mellor e máis axeitada normalización da língua galega en todos os ámbitos, desde o económico, o xurídico ata o educativo ou cultural entre os máis noviños”, coincidiron en sinalar as concelleiras de área, Cristina Fernández e Hortensia Bautista. Tamén tiveron palabras para o homenaxeado: “Manuel María representa un exemplo íntegro na defensa do noso idioma, polo que loitou toda a súa vida con tesón”.