O Corpus de Ponteareas 2015 volve marcar diferenzas en número visitantes e calidade das alfombras

keltia-concertoA vila de Ponteareas espertou o martes 9 de xuño coa resaca dunha fin de semana de longas noites de traballo pero tamén coa satisfacción de ter acadado, e mesmo superado, os obxectivos marcados previamente. A maior festividade do municipio serviu, un ano máis, para amosar Ponteareas como un punto de referencia no mapa internacional de arte efémero, destacando entre todos aqueles lugares que festexan o Corpus Christi para celebrar a Eucaristía.

Dende o mércores 3 de xuño que comezaron as actuacións musicais polas rúas da vila, o concello foi aumentando o número de visitantes día tras día, acadando o seu punto cumio na noite do sábado, coa elaboración das 24 alfombras florais, e na mañá do domingo, co paso da procesión.

A calidade dos tapices non deixou indiferente a ninguén. O esforzo dos e das alfombristas supérase ano tras ano e o nivel de creatividade de moitas alfombras acadou cotas formidables. O xogo de cores, degradados e diferentes materiais puídose apreciar en cada un dos mantos espallados polas céntricas rúas de Ponteareas.

Ademais da delegación de La Orotava, vila coa que Ponteareas está irmandada dende hai máis de 20 anos, e da xa tradicional alfombra dos compañeiros de Monçao, esta edición contou coa presenza dunha delegación xaponesa que mostrou unha maneira diferente de confeccionar as alfombras. Os nipones asombraron cunha alta dose de tintes e distintos tipos de flores.

Os alfombristas orientais viñeron acompañados dun grupo de xornalistas dunha das canles de televisión máis vistas do Xapón. Un canal que emitirá a finais deste mes unha reportaxe que chegará a varias millóns de espectadores xaponeses e que suporá unha excelente promoción para a vila de Ponteareas.

Ademais das riadas de xente que asolagaron as rúas do municipio durante a noite do sábado e a mañá do domingo, tantos os visitantes como os veciños e as veciñas ponteareáns encheron a Praza Maior para gozar de dous espectáculos moi especiais. O Musical “Keltia”, protagonizado polo Bruxo Queimán e Andrea Pousa, e o grupo Treixadura, que presentaba novo traballo, fixeron as ledicias dun público entregado.

O Corpus foi pechado coa entrega das Medallas de Prata. Un emotivo acto que valeu para recordar as raíces desta celebración e render unha merecida homenaxe aos membros da comisión de festas do ano 1947, Gabino Porto, Ignacio Vidales Tomé e Pepe Casasnovas. Catorce veciños de Ponteareas e un membro da delegación de La Orotava recibiron medallas de prata, mentres que Yasu Fujikawa, o deseñador da expedición nipona, tamén levou un recoñecemento de mans do alcalde ponteareán, Salvador González Solla.

Un Corpus que foi seguido dende moitas partes do plantea grazas ás cámaras web que o goberno local instalou para poder seguilas a través da páxina do concello. Un Corpus que tivo unha intensa actividade nas redes sociais ao longo de toda a fin de semana. Un Corpus que gozou de cobertura nacional e internacional en varios medios de comunicación. Un Corpus que, en definitiva, segue situando a Ponteareas como unha auténtica referencia internacional na confección de alfombras florais.