O Corpus contará cun operativo que reunirá a 4 corpos de seguridade diferentes

Varias unidades da Garda Civil, Policía Local, Policía Autonómica e Protección Civil traballarán conxuntamente nun Plan Preventivo de Seguridade

 

Q55A0059A Xunta Local de Seguridade celebrada o pasado venres, 22 de abril, na sede da Subdelegación do Goberno en Pontevedra, permitiu definir as medidas concretas de seguridade que se tomarán en torno á festividade do Corpus Christi 2016 en Ponteareas, que terá lugar os vindeiros 28 e 29 de maio.

 

A reunión, que se concretou a petición do Goberno Municipal de Ponteareas, contou coa presenza do alcalde ponteareán, Xosé Represas, da concelleira de Seguridade Cidadá, Vanesa Fernández, do Subdelegado do Goberno en Pontevedra, Antonio Coello, e de representantes da Policía Local de Ponteareas, do Corpo Municipal de Bombeiros e da Garda Civil.

 

As actuacións que se levarán a cabo formarán parte dun Plan Preventivo de Seguridade no que participarán, de maneira conxunta, a propia Policía Local, a Policía Autonómica de Galicia e varias unidades diferentes da Garda Civil. Entre estas últimas, cómpre salientar a Unidade de Seguridade Cidadá da Comandancia (USECIC), membros dos cuarteis de concellos próximos da comarca, membros do Subsector de Tráfico da Garda Civil do Porriño e axentes do cuartel da Garda Civil de Ponteareas.

 

A propia Garda Civil contará, asemade, cunha unidade cinolóxica de cans adestrados para actuar en situacións de rescate ou falta de seguridade e con axentes de paisano que vixiarán distintas zonas da vila ao longo da xornada. “Queremos ofrecer as mellores garantías en termos de seguranza para minimizar todos os riscos”, explicou Vanesa Fernández. “Sabemos que é unha fin de semana na que Ponteareas recibe a visita de decenas de milleiros de persoas, polo que a nosa responsabilidade é a de procurar os medios suficientes para que todas elas só teñan que preocuparse de gozar da nosa maior festividade”, asegurou o rexedor local, Xosé Represas.

 

O Concello tamén contará coa colaboración do Corpo de Voluntarios de Protección Civil, que estará durante toda a xornada axudando en diferentes labores para “acabar de conformar un operativo moi completo”, afirmaron ámbolos sous membros do goberno.