O Corpo de Bombeiros proba os novos traxes acuáticos

traxes-bombeiros-3O Corpo Municipal de Bombeiros de Ponteareas conta con 4 novos traxes especiais para levar a cabo rescates acuáticos. O material desta vestimenta permite que os membros deste servizo municipal poidan efectuar desprazamentos a nado aplicando un menor esforzo, pois grazas á súa utilización flotan na auga.

Este equipamento garante unha absoluta impermeabilidade e posibilita tamén que os propios operarios usen esta vestimenta sen necesidade de desprenderse do seu uniforme habitual para entrar na auga. A mañá do venres 11 de decembro serviu para que varios membros do corpo municipal simularan situacións de rescate no río Tea que poderían ter que efectuar tanto en Ponteareas como noutros municipios como Arbo, A Cañiza, Covelo, Salvaterra de Miño, Crecente, Mondariz e Mondariz-Balneario.

A adquisición deste material foi unha decisión da concellería de Seguridade Cidadá, Vanesa Fernández, que “incidiu da necesidade de dotar de todos os medios posibles a un corpo que presta un servizo primordial á cidadanía, pois en moitas ocasións están a salvar vidas”. Fernández recordou que “ademais dos traxes, os bombeiros poderán contar con cordas e tubos de rescate (unha ferramenta parecida a un flotador que permite suxeitar e arrastrar á persoa en risco de afogamento), unha cámara e unha lanterna acuáticas”.

A edil da área, que estivo presente no simulacro do pasado venres, salientou que se trata dun “paso máis deste goberno local de cara a garantir que estes profesionais presten un mellor servizo á veciñanza, como tamén foi a sinatura do convenio con Seganosa que permitirá a formación do Corpo de Bombeiros Municipal en diversos ámbitos relacionados coa área de emerxencias para mellorar así as súas prestacións na cobertura de situacións de risco”.