O Coro Xuvenil Cantemos, convidado ao Certame Xuvenil Internacional de Habaneras de Torrevieja

Por primeira vez, unha coral galega participa neste prestixioso certame internacional ao que tan só están convidadas pola organización oito agrupacións chegadas de España, Ucrania, Rusia e Eslovaquia

O Auditorio Municipal de Ponteareas acolle este sábado, 25 de marzo, un concerto no que o Coro Xuvenil Cantemos compartirá escenario co Obradoiro Vocal A Vila e o grupo Voces do Arrieiro.

O Auditorio Municipal de Ponteareas acolle, ese vindeiro sábado a partir das 20:30 horas, o concerto coral no que participarán o Coro Xuvenil Cantemos, o Obradoiro Vocal A Vila e Voces do Arrieiro. O evento foi presentado hoxe na Casa Consistorial de Ponteareas polo alcalde, Xosé Represas, ao que acompañaban a concelleira de Cultura, Hortensia Bautista, o presidente do Obradoiro Vocal A Vila, ao que pertence o Coro Xuvenil Cantemos, Antonio Reirís, Ruth Barros, Directora do Coro Xuvenil e Yanira Rodríguez, responsable do coro infantil

 “É unha satisfacción para todas e todos que o Coro Xuvenil Cantemos represente a Ponteareas e a Galicia nun concurso de habaneras con tanta tradición e proxección como o de Torrevieja. Desexámoslle o maior dos éxitos”, manifestou o alcalde Xosé Represas.

O Certame Xuvenil de Habaneras de Torrevieja, que celebra este ano o seu XXIII certame. é un dos de máis soa internacional no que ao canto coral fai referencia “e ao que, por primeira vez, a organización convida a un coro xuvenil galego e de Ponteareas, como é o Coro Xuvenil Cantemos”.

Da importancia da participación do Cantemos neste certame fala o feito que, por unha banda, nel tan só se pode participar por invitación expresa da organización que busca entre as formacións corais de toda Europa, por medio dunha Comisión Técnica formada por expertos en canto coral, aquelas que pola súa calidade merecen estar no escenario de Torrevieja os días 28 e 29 de abril.

Non se pode esquecer que a este Certame Xuvenil de Habaneras de Torrevieja foron convidadas tan só oito formacións corais (catro do Estado Español e outras catro chegadas de Ucrania, Eslovaquia, Rusia e Colombia), e que por primeira vez un coro xuvenil galego, o Cantemos de Ponteareas, recibe a invitación para participar.

 “É un orgullo termos esta participación porque é un recoñecemento, un premio, polo traballo feito durante estes catro anos desde que dende o Obradoiro Vocal ‘A Vila” fundamos Cantemos para crear canteira na música coral. explica o representante da coral Antonio Reirís, que remarcou o seu agradecemento á participación da veciñanza de Ponteareas, que prácticamente esgotou as entradas para este concerto”.

Cantemos compartirá escenario coas corais In Crescendo OMP de Valencia; Angelus IEC Misericordias de Soledad de Barranquilla (Colombia); Coro Prolisok, de Rivne (Ucrania); coro Encanto, de Griñón, Madrid; Avrora Children’s Choir de Moscú (Rusia); Pro Musica Magnolia Chindren’s Choir de Michalovce (Eslovaquia) e o Coro do Colexio Entreolivos de Dos Hermanas (Sevilla).

A concelleira de Cultura do Concello de Ponteareas, Hortensia Bautista, amosaba “o orgullo que supón para Ponteareas contar con representación nunha das citas internacionais de máis sona no que ao canto coral de Habaneras, fai referencia” e expresaba o “firme apoio” do seu departamento “coas diversas manifestacións culturais de Ponteareas”.